Remata a incursión sionista en Cisxordania con rúas e infraestruturas arrasadas

Máis de 70% das estradas de Xinin, destruídas.
Destrución en Xinin a sexta feira. (Foto: Mohammed Turabi / IMAGESLIVE via Z / DPA vía Europa Press)
photo_camera Destrución en Xinin a sexta feira. (Foto: Mohammed Turabi / IMAGESLIVE via Z / DPA vía Europa Press)

No décimo día da súa incursión militar masiva no norte da Cisxordania ocupada, os militares israelís retiráronse finalmente a sexta feira do último lugar asediado, Xinin e o campo de refuxiados da localidade. Das arredor de 40 persoas que asasinaron na operación, a metade foi neste lugar, no que Israel causou unha destrución xeneralizada.

Como un “terremoto”, así describiu á axencia Wafa o alcalde de Xinin, Nidal Obeidi, a incursión, que Israel xustificou na loita contra os combatentes da resistencia palestina, asegurando que 14 “terroristas” morreron nos últimos días.

Porén, o certo é que Israel destruíu máis de 20 km da rede de estradas da cidade. Só nas primeiras xornadas, o réxime de apartheid sionista xa acabara con case 70% das rúas e 20 km das redes de auga e de sumidoiros, algo que levará meses reparar, detallou Obeidi. Tamén se rexistrou a destrución de casas, comercios e infraestrutura eléctrica.

Esta clase de actuacións constitúen un patrón dos militares sionistas, que tamén arrasaron o sistema de electricidade, auga e sumidoiros do campo de refuxiados de Tulkarem.

Obeidi subliñou que o acontecido forma parte da “política de castigo colectivo dos palestinos”, facendo énfase en que o “alcance da destrución indica que a ocupación ten como obxectivo deportar a poboación”.

Xa se efectuaron chamamentos no interior do Goberno de ultradereita israelí para estender a Cisxordania a agresión militar que sofre Gaza, e que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica.

Sen saír do norte de Gaza, en Nablus o Exército israelí matou Aysenur Ezgi Eygi, unha cidadá turca-estadounidense que protestaba contra a ocupación israelí. As testemuñas aseguraron que foi atacada nun momento no que “non pasaba nada á nosa beira”. Israel alegou que respondeu a un ataque con “pedras” que “representaba unha ameaza” para as súas tropas.

A diferenza da rápida reacción ao confirmarse hai varios días a morte dun detido en Gaza israelí-estadounidense, da que Hamás acusa Israel e os sionistas Hamás, insistindo en que a forza palestina “pagará por estes crimes”, nesta ocasión a Casa Branca pediu tempo para investigar os feitos ao ser cuestionada sobre se tomaría medidas contra Israel.

Washington avalou o xenocidio e deu cobertura diplomática a Israel, ademais de negarse a exercer presión real para que deixe de obstaculizar un alto o fogo que implique un intercambio de detidas entre Israel e Gaza.

Comentarios