En marcha o V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

O prazo para presentarse ao certame, cun premio de 3.000 euros a un poema, remata o próximo 15 de setembro e o gañador desvelarase nunha gala

Florencio Manuel Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.
photo_camera Florencio Manuel Delgado Gurriarán (Foto: Nós Diario)

O xurado do V Premio Florencio Delgado Gurriarán é unha representación ben acaída do ecosistema cultural galego, onde oficios e paixóns se entrecruzan favorecendo a creatividade e a proxección da lingua e cultura. Ese é tamén o obxectivo do certame poético valdeorrés que chega á súa quinta edición cun xurado integrado por Beatriz Dourado, Delfín Caseiro, Raúl Diz, Mª del Carmen Gago e Manuel Xestoso.

Beatriz Dourado, barcelonesa de raíces galegas, é poeta e docente, e foi a gañadora do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán convocado no 2022, canda as Letras Galegas de Florencio.

Delfín Caseiro naceu en Rairíz de Veiga, é catedrático de Lingua e Literatura Galega, ensaísta e valdeorrés de acepción, xa que pasou boa parte da súa traxectoria profesional nestas terras.

Raúl Diz é tamén ourensán, de Xinzo da Limia, tamén docente, e cunha traxectoria importante como músico en grupos como Niño y pistola e Os amigos dos músicos.

María del Carmen Gago, nacida en Oviedo, é tamén valdeorresa por elección. Escritora, conferenciante e crítica de arte, dirixe a sección poética do Instituto de Estudios Valdeorreses.

Manuel Xestoso, naceu en Santa Cruz de Tenerife, é xornalista en Nós Diario, escritor, tradutor e crítico galego.

A elección do poema gañador

Esta é a quinta edición do premio pero a primeira que convoca a recén creada Fundación Florencio Delgado Gurrirarán. A súa xerente, Débora Moldes, destacou na presentación do xurado que xa se teñen recibido máis de cincuenta pezas candidatas e que agardan que nestes últimos días entren moitas máis.

Pódense presentar  até tres poemas por persoa e o prazo remata o próximo 15 de setembro de 2024. As obras deben mandarse a través do formulario dispoñible na web florenciodelgadogurriaran.gal onde tamén están recollidas as bases.

Unha vez rematado ese prazo comezará o traballo do xurado, anunciando primeiro os tres poemas finalistas, para desvelar o gañador durante a gala que se celebrará a finais de outubro. Este certame organízase co apoio económico da Deputación de Ourense e ten un único premio de 3.000 euros para un poema, sendo un dos premios literarios coa mellor dotación económica da Galiza.

Comentarios