As músicas de Alana, o pasado baleeiro de Caneliñas e o Consello de Galiza protagonizan o 'Sermos Galiza'

Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 7 de setembro, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 7 de setembro.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' que se publicará este sábado, 7 de setembro.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do Sermos Galiza. Este 7 de setembro, Pablo Castro, Antía Vázquez e Eloy Vidal enchen a capa do semanario. Xuntos son Alana, un proxecto musical que mestura o pop e o estilo electrónico coa música de raíz galega e que debullan polo miúdo en conversa con María Vila Camiño.

O seu primeiro disco, O xeito á cántigha, é unha homenaxe ás xentes da terra das que aprenderon o baile e a música tradicionais, mais tamén o fío condutor dunha entrevista que revela desde a orixe do seu nome artístico até o traballo de recollida que deu pé ás máis das súas cancións.

"Simplemente somos un grupo de xente moza á que lle gusta de onde vén e quere transmitilo. Que estamos moi marcados polas recollidas e a percusión, buscando unha incitación ao baile e á diversión", conta Pablo Castro.

Costa das baleas

Pero as primeiras páxinas do Sermos son para Caneliñas, unha cala que está antes de Gures, no concello de Cee, e que foi onde se asentou unha factoría baleeira a comezos do século XX e onde tamén se cazou a última balea en Europa no ano 1985.

Quen nos dá conta desta historia, esencial para recompoñer a memoria industrial da Galiza costeira é Lucía Alcaina Romaní. A súa sorpresa ao descubrir o pasado baleeiro da Costa da Morte transfórmase em coñecemento da man de Paula Castiñeira e María González, dúas mozas veciñas de cee e estudantes de xornalismo autoras do documental Caneliñas: a costa das baleas, un traballo de investigación que nos conecta coa caza de baleas na Galiza, a transformación da industria conserveira, a irrupción do movemento ecoloxista e o intercambio comercial (e cultural) con persoal experto chegado do Xapón.

As creadoras do proxecto audiovisual non son as únicas protagonistas desta reportaxe, canda a elas coñeceremos tamén os homes e mulleres que traballaron en Caneliñas antes de que a factoría caese no abandono.

Consello de Galiza

A xornalista Montse Fajardo convídanos a un aniversario. En novembro fai oitenta anos o Consello de Galiza, o organismo constituído no exilio por deputados galegos baixo a Presidencia de Castelao no intento de chegar en pé de igualdade con Euskadi e Catalunya á restitución da República.

Unha república que soñaban federal, cita a autora, e que malia a súa frustración, merece un lugar destacado na historia.

"O que se pretendía era manter viva a representatividade electoral lexítima dos deputados no exilio e traballar nas institucións da República para consolidar o proceso autonómico iniciado", destacou non seu día Manuel Meilán, un dos apoios económicos do Consello de Galiza.

Castelao foi presidente e un dos principais impulsores deste organismo que el mesmo, destaca Fajardo, consideraba unha ferramenta fundamental para ser tratado como un igual no seo de Galeuzca, a alianza pactada cos representantes dos Gobernos vasco e catalán a fin de loitar para que a ansiada restitución republicana derivase nun estado federal que garantise os dereitos das nacións sen Estado.

Literatura e música

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos algunhas das novidades no mercado literario. Xesteria convídanos a explorar o complexo que é vivir en galego da man de Elsa Quintas e Marcos Maceira, autores do libro Liberdade para o galego (Laiovento) onde analizan as consecuencias da falta dunha política activa, transversal e planificada de corrección das causas históricas de desprestixio social do galego.

Pola súa parte, Barreiro avoga pola banda deseñada e por unha das últimas propostas da coruñesa Demo Editorial: Carne para Cans, escrita polo galego Manuel L. Poy e debuxada polo arxentino Kundo Krunch.

No apartado musical, Olga Brañas repasa as músicas de Martelo, un proxecto impulsado hai máis dunha década por Xacobe Martínez Antelo. Dez anos despois do seu primeiro disco presenta O mesmo animal (Autoedición) xunto a Manuel Cebrián e Max Gómez.

Cinema... e máis!

Xaime Estévez reflexiona sobre a revolución pendente da cultura popular, "parte imprescindíbel da cultura dos pobos, das nacións, das distintas comunidades", salienta.

Andrés Castro lévanos ao cinema, como é habitual. Nesta ocasión detense nun filme de animación: Búfalo Kids, dirixida por Juan Jesús García Galocha e Pedro Solís. Unha historia de aventuras no Oeste norteamericano na época dos indios e vaqueiros para todos os públicos.

E nas páxinas que fechan o Sermos deste 7 de setembro, patrimonio oral, da man de Sole Felloza, arredor do mes que vimos de estrear; arquitectura, con Lázaro Armental, e deseño, con Pepe Barro, quen nos brinda un paseo singular polos soutos da Fonsagrada. Neste percorrido final non debemos esquecer as dúas páxinas de pasatempos que, como cada semana, corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 7 de setembro, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios