Galicreques ofrece quince funcións para escolares

O festival celebrará entre os días 12 e 20 de outubro a súa 29ª edición, convertendo Compostela un ano máis en gran referente para o xénero escénico dos monicreques.

Rafael Rey Domech, da compañía Nauta.
photo_camera Rafael Rey Domech, da compañía Nauta.

O Festival Internacional de Títeres Galicreques de Santiago de Compostela celebrará a súa 29ª edición entre os vindeiros 12 e 20 de outubro. A programación incluirá unha quincena de funcións para o público escolar, ofrecidas todas elas por compañías procedentes da Galiza, Andalucía, Valencia, Colombia, Ecuador ou O Salvador.

Así, o festival organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), a Deputación da Coruña, Iberescena e a Fundación SGAE, reedita un ano máis o seu duplo compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos monicreques e de creación de novos públicos para a escena.

Ademais da Fundación SGAE, o Teatro Principal e o Centro Sociocultural Santa Marta, a xa tradicional Carpa de Galicreques na Alameda volverá a ser unha das sedes do festival e tamén albergará funcións destinadas ao público escolar.

A programación escolar do Festival Galicreques está destinada para todos os niveis do ensino obrigatorio. Ofrece así obras destinadas para infantil e primaria, mais tamén para os institutos. Con esta amplitude de públicos, Galicreques traslada unha ano máis a mensaxe de que o xénero escénico dos monicreques non se destina unicamente á cativada, senón que se estende a todas as idades. Unha mensaxe na que Galicreques leva afondando nas últimas edicións coa programación específica Cara Bé, unha programación especialmente destinada a adultos que o festival puxo en marcha no ano 2022 da man de Rafael Rey Domech e na que o teatro de monicreques se mestura con outras disciplinas como a danza, o teatro de máscaras ou o teatro de obxectos. 

Neste 2024, compañías galegas do teatro de bonecos como Cachirulo, Danthea Teatro, Mircromina Teatro, Títeres Alakrán, Titiritres ou Títeres Brincadeira actuarán na programación escolar de Galicreques, igual que as valencianas Vudú Teatro ou La Estrella, a andaluza La Sal Teatro, as ecuatorianas Titiritainas e Espada de Madera, a colombiana La Pepa del Mamoncillo, a salvadoreña Ocelot Teatro, a francesa Signe Diesel e as portuguesas Roberto Nuno Pinto, Rui Susa e Fio D’azeite.

Comentarios