A XXII Volta á Galiza busca sorprender e propón unha proba "equilibrada"

O ciclismo galego recupera do 12 ao 15 de setembro a Volta á Galiza. O evento deportivo, organizado pola Federación Ciclismo Galego (FCG), constará nesta 22ª edición con case 455 quilómetros distribuídos en catro etapas nas que competirán 18 equipos, oito deles con sede na Galiza. 

Presentación esta quinta feira da Volta á Galiza en Santiago (Foto: Nós Diario).
photo_camera Presentación esta quinta feira da Volta á Galiza en Santiago (Foto: Nós Diario).

A Volta á Galiza volverá ás estradas galegas do 12 ao 15 de setembro. O evento deportivo, organizado pola Federación Ciclismo Galego (FCG), colle cada ano máis forza pese a que até 2002 decorreu de forma irregular e tivo que cancelarse en 2020 debido á pandemia da Covid-19. Axudou na súa difusión unha importante participación e contar entre os vencedores con nomes ilustres como Julian Berrendero, Delio Rodríguez, Miguel Induráin, Andrew Hamspten ou mesmo Frank Vandenbroucke. 

Esta edición, a 22º da súa traxectoria, constará de case 455 quilómetros en catro etapas nas que competirán 18 equipos, oito deles galegos. Trátase de Equipo Cortizo, Supermercados Froiz, Vigo Rías Baixas, High Level G. Tormo, Lasal Cociñas-Craega, Team Oiense Escola Estévez, Retelec Ambilampe e Club Ciclista Vigués. A eles súmanse formacións doutras comunidades como Madrid, Nafarroa, Estremadura, Cantabria, Castela e León e Aragón, e mesmo doutros países como Francia, Colombia ou Portugal. 

Nesta ocasión a Volta terá como sedes Sarria (comarca homónima), onde comeza cunha contrareloxo, e desde a que partirá tamén a etapa do día seguinte, así como Xinzo de Limia (comarca da Limia) e Sanxenxo (comarca do Salnés), puntos de saída das restantes probas. Entre as localidades que visitará nos percorridos das catro etapas figuran, ademais destes tres concellos, case unha trintena como O Páramo, Láncara e Samos (comarca de Sarria); O Corgo, Lugo, Castroverde e Baralla (Os Ancares); Xinzo de Limia, Trasmiras, Baltar, Calvos de Randín, Porqueira e Sarreaus (A Limia); Cualedro (comarca de Verín); Muíños e Bande (Baixa Limia); Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Meis (O Salnés); Caldas de Reis  e Portas (comarca de Caldas); e Poio (comarca de Pontevedra). 

Etapas compensadas

Tras a presentación desta edición, realizada esta quinta feira na Cidade da Cultura en Compostela, o director deportivo de da Federación, Jacobo Ucha, recoñece en declaracións a Nós Diario que a preparación levou “varios meses de traballo”. Comezaron por estabelecer as sedes principais (Sarria, Xinzo de Limia e Sanxenxo) e, neste sentido, o responsábel da Volta á Galiza agradece que se “involucraran” en todo momento. 

Sobre as etapas, Ucha apunta que na organización sempre teñen en conta moitos aspectos. “Miramos a orografía, non é igual contar con montaña que perto da costa, buscamos que haxa un pouco de todo e estean compensadas”, asegura. Para este ano cre que conseguiron achegarse a esta idea. “Os dous últimos anos os percorridos estaban máis condicionados, con etapas como a de alta montaña de Manzaneda”, asegura, “as de 2024 están equilibradas e poden gañalas desde un esprinter até un escalador”, agrega. 

Os equipos

A Volta á Galiza é a proba que fecha na actualidade a tempada ciclista estatal, xusto despois da Vuelta a Salamanca e a Valencia. “Os equipos preparáronse moi ben este verán para facer un bo remate”, considera Ucha. Alén dos equipos confirmados, o responsábel federativo indica que “haberá algunha sorpresa de última hora, internacional, que aínda temos por confirmar. 

Sobre as formacións favoritas para levarse a Volta, lembra que están “os que conseguiron máis vitorias en edicións anteriores”, como é o caso dos galegos do Froiz e o equipo de Cortizo -este último foi o gañador en 2023- e tamén conxuntos que son en realidade  “filiais” doutros profesionais, como é o caso do Caixa Rural (Nafarroa) ou do Polti Kometa (Madrid). 

Unha Volta en futuro

A Volta olla ao futuro mais non esquece o pasado. Atrás quedou a súa fundación como carreira ciclista por etapas de nivel profesional, clásica do calendario estatal, que percorría as estradas galegas desde que se iniciou en 1933. Até 1955 tivo unha existencia irregular, algo que continuou nas décadas seguintes até a súa desaparición como tal en  2000. Porén, a Volta á Galiza renace en 2002 para ciclistas afeccionados, cun formato de cinco etapas que logo foi reducido a tres e disputándose sempre no mes de setembro.

Polo momento o seu futuro está vencellado á canteira do ciclismo, ou polo menos é a idea que manexan na Federación, aínda que tampouco é doada. "O campo da elite Sub-23 no ciclismo está cada vez máis complicado", asegura Ucha a Nós Diario. Desenvolve esta opinión apuntando cara as "difíciles condicións económicas, con menos equipos e menos corredores". Ante este panorama, entende que a resposta debería ser "potenciar aínda máis a Volta para que entren corredores máis novos". Neste sentido, sinala á carreira O Gran Camiño como continuidade, "que a Volta sexa un referente para que os xuvenís e Sub-23 queiran gañala e poder dar o salto e ser profesionais para chegar a correr nela". A proposta ten o seu fundamento, e como exemplo lembra que os gañadores do ano pasado "hoxe están en equipos profesionais".    

A Volta rende homenaxe ao estradense Álex Marque

Nesta edición, a organización da Volta Á Galiza quixo renderlle unha homenaxe a Alejandro Marque. O ciclista da Estrada, como recoñecen desde a federación, foi un dos grandes ciclistas galegos das últimas décadas. No seu palmarés figuran vitorias de etapa como a do G. P. Credit Agricole Côte d’Azur (2009) ou a da Vuelta a Asturias (2012). Ademais, logrou ser toda unha estrela do pelotón portugués, gañando varias etapas da Volta a Portugal, mesmo cunha vitoria na xeral na proba de 2013. En 2021 quedou terceiro na xeral nesta mesma competicióna. Un ano despois, despedíase como profesional tamén en Portugal na súa etapa raíña e pelexando por gañala. En xaneiro de 2024 recibiu a medalla ao mérito deportivo concedida pola Xunta.

Todo un exemplo como ciclista

"É un grandísimo ciclista que deixou de competir hai dous anos e estabamos obrigados a facerlle esta  homenaxe", recoñece a Nós Diario Jacobo Ucha. Para este responsábel da Federación Ciclismo Galego, o estradense foi "todo un exemplo, non só como ciclista, senón tamén como persoa". Proba disto, relata, foi "que era un deportista sempre moi respectado no pelotón, ninguén tiña unha mala palabra del e sempre estaba sorrindo".

Comentarios