Iván Montero e Damián Ramos, á Copa do Mundo de Paraciclismo

A Galiza estará representada no certame internacional.
O galego Damián Ramos aspira a volver saborear os meles do ouro. (Foto: RFEC).
photo_camera O galego Damián Ramos aspira a volver saborear os meles do ouro. (Foto: RFEC).

A tempada de ciclismo paralímpico en estrada vivirá esta semana, do 2 ao 5 de maio, un dos grandes acontecementos do curso coa celebración da Copa do Mundo de Ostende, que será chave para ir definindo cantas prazas poderá ter cada país nos próximos Xogos de París.

Deste modo, a cita belga repartirá un botín de puntos crucial para este proceso clasificatorio  e, por iso, o combinado estatal  estivo preparando con especial coidado esta proba cunha concentración en Tarancón (Cuenca), nun stage que se estendeu desde o 23 de abril até o día de onte e no que participou o coruñés Damián Ramos (Lasal Cociñas-Craega).

O vixente campión de Europa en liña na clase C4 de bicicleta adaptada é un dos 17 convocados polo seleccionador Félix García Casas para o segundo gran evento do 2024, logo de que no primeiro, disputado en Australia a mediados do mes de xaneiro, lograra apuntarse a vitoria na modalidade contra o reloxo e a medalla de bronce na de fondo en estrada.

Así, Ramos debutará tan cedo como na sexta feira na contra, agardando até o domingo, 5 de abril, para ser de partida no fondo. Ademais, o tamén galego Iván Montero (Neuroimpulse-Galiza) xa está en territorio flamenco coa intención de facer boa a súa condición de vixente campión estatal na clase '5' na contra o reloxo da quinta feira e na carreira en liña do sábado, 4 de maio.

O XCO Kiwi Atlántico retorna a Ribadumia

Cambiando o ciclismo en estrada polo de montaña, a localidade de Ribadumia (O Salnés) será o escenario da XCO Kiwi Atlántico, un certame que será, a partir das 10 horas do vindeiro domingo, 5 de maio, a seguinte parada da Copa Galiza de Cross Country Olímpico.

Configurada arredor das instalacións da empresa que dá nome á competición, onde estarán situadas tanto a liña de saída como a de meta, os e as corredoras participantes deberán completar un percorrido de catro quilómetros e medio que foi deseñado para ser "o máis divertido posíbel", segundo destacaron desde a Federación Ciclismo Galego (FCG).

O organismo presidido por Juan Carlos Muñiz salientou, ademais, que esta nova parada do certame nacional "pode que sexa das menos técnicas", pois "hai de todo" nas zonas de montaña, pero si "das máis rápidas".

Comentarios