Saavedra non gaña o segundo metal e leva diploma en París

Martín de la Puente pelexará polo bronce.
Juan Antonio Saavedra, esta quinta feira na proba de 50 metros (Foto: CPE).
photo_camera Juan Antonio Saavedra, esta quinta feira na proba de 50 metros (Foto: CPE).

O tirador galego Juan Antonio Saavedra non puido conseguir esta quinta feira a súa segunda medalla nos Xogos Paralímpicos de París ao concluír na cuarta posición na final da modalidade de R6-Mixto 50 m Carabina Tendido SH1. O vigués aspiraba a sumar o seu cuarto metal paralímpico, o segundo en Paris 2024 tras o bronce en R3-Mixto 10 metros Carabina Tendido SH1, nunha disciplina na que fora prata en Londres 2012 e bronce en Toquio 2020, mais a pesar de dominar a rolda de cualificación non puido pasar o corte dos metais e traerá diploma.

Saavedra demostrara que era un dos candidatos para estar no podio da competición cunha puntuación de 626.9, aínda que todo estaba moi apertado para a final onde non tivo tanto acerto. Con todo, logrou estar na pelexa polo bronce ata o último momento, pero un pequeno fallo na súa rolda final lastroulle e deixoulle a un punto de conseguilo ao remate. 

Martín de la Puente, a polo bronce

Martín de la Puente, pola súa parte, non se puido clasificar esta quinta feira para a final individual dos Xogos Paralímpicos tras caer claramente nas semifinais ante o gran favorito, o británico Alfie Hewett, en dous sets por 6-2.

O xogador vigués, terceiro cabeza de serie en Roland Garros, topouse no seu camiño cara ás medallas co cabeza de serie número un, que non lle deu demasiadas opcións como xa sucedese na pasada histórica final que disputou contra este rival na herba de Wimbledon (6-2, 6-3).

Só houbo igualdade nos primeiros compases do choque, onde ningún foi capaz de asegurar os seus saques. Mais co marcador 2-2, Hewett asentouse e xogou sólido para encadear dez xogos seguidos e levar o partido pola vía rápida.

Agora, o vigués terá a oportunidade de gañar dúas medallas de bronce, unha esta sexta feira con Dani Caverzaschi no dobres ante os franceses Stéphane Houdet e Fréderic Cattaneo, e logo o sábado en individual, ante o arxentino Gustavo Fernández.

Outra das esperanzas galegas, o nadador Jacobo Garrido, non puido acceder á final dos 200 m estilos S9 ao finalizar a súa serie nun tempo de 2:25.80, rematando na 6.ª posición da serie e na 11.ª posición da clasificación xeral. Aínda lle queda outra proba, os 100 m bolboreta, que disputará esta sexta feira ás 10:18 horas.

Comentarios