O tenis galego triunfa en Londres máis alá de Wimbledon. No Lexus British Open, o tenista paralímpico vigués Martín de la Puente disputou e gañou esta sexta feira a final de dobres dese torneo formando parella co belga Joachim Gerard.
Diante tiñan aos xogadores dos Países Baixos Tom Egberink e Maikel Scheffers, no que foi un disputado encontro que durou case hora e media.
O galego e o belga comezaron perdendo por 1-6 para remontar despois nun 6-2 e lograr a vitoria final de maneira épica por 10-7.
Finalista en individual
No mesmo torneo, na proba individual, o vigués derrotou o indio Manojkanth Somasundaram cun 6-0 6-0 na primeira rolda e en cuartos eliminou o belga Joachim Gerard cun resultado de 5-7, 6-4, 6-0.
Na final, pola contra, non logrou imporse ao británico Alfie Hewett, número 2 da clasificación mundial (4-6 6-3 4-6).