Macron elixe un primeiro ministro conservador e lánzase aos brazos da ultradereita

Michel Barnier pertence aos Republicanos, que non chegaron a 7% dos sufraxios nas lexislativas.

Toma de posesión a quinta feira do novo primeiro ministro, Michel Barnier (dereita), canda o seu predecesor, Gabriel Attal (esquerda). (Foto: Goberno de Francia)
photo_camera Toma de posesión a quinta feira do novo primeiro ministro, Michel Barnier (dereita), canda o seu predecesor, Gabriel Attal (esquerda). (Foto: Goberno de Francia)

Exactamente 60 días despois da segunda volta das eleccións lexislativas en Francia e entre presións crecentes pola demora reiterada, o presidente Emmanuel Macron anunciou a quinta feira que Michel Barnier, da conservadora Os Republicanos (LR), foi o elixido como novo primeiro ministro, posto do que tomou posesión xa pola tarde.

Barnier, de 73 anos, tratará agora de lograr o aval da Cámara Baixa, imprescindíbel para manter o cargo. O designado por Macron é pouco coñecido polo público francés, detalla a prensa local, a pesar de ter dirixido catro Ministerios: Medio Ambiente, Asuntos Europeos, Asuntos Exteriores e Agricultura. Tamén se desempeñou como comisario da Unión Europea (UE) e liderou o equipo que negociou a saída do Reino Unido do bloque.

No comunicado do Elisio incidiuse en que Macron lle encargou “formar un Goberno de unificación ao servizo do país e dos franceses”. Porén, e a expensas do deseño final do Executivo, o certo é que a operación política que finalizou coa designación de Barnier implicou desde os conservadores liberais de Renacemento, a formación do mandatario, até a extrema dereita de Marine Le Pen.

Todo isto no marco da exclusión das forzas progresistas, que gañaron as eleccións baixo o paraugas da Nova Fronte Popular (NFP) e se converteron na primeira forza na Asemblea Nacional -mais sen maioría absoluta-. De feito, após atrasar a decisión xustificándose no desenvolvemento en París, a capital francesa, dos Xogos Olímpicos, a primeira determinación de Macron foi rexeitar nomear primeira ministra a súa candidata, Lucie Castets, aducindo que o resto de grupos censurarían o Goberno.

Nese sentido, LR finalizou como cuarta candidatura nos comicios e conta con 47 deputadas e deputados, por 193 (de 577) dos grupos que compoñen a NFP.

Nun primeiro momento, o obxectivo de Macron era romper a NFP para excluír as posicións máis progresistas, un movemento que impediu o líder do Partido Socialista (PS) Olivier Faure, que desactivou á á máis á dereita da formación, tamén interesada en pór fin á alianza de esquerda.

Tras manter a unidade unha vez que Macron fechou á porta a Castets, advertindo que votarían en contra de calquera outra candidatura e apoiando mobilizacións neste sentido previstas para o sábado, o presidente optou por negociar coa ultradereita de Reagrupación Nacional (RN), a forza de Marine Le Pen, que conta con 126 asentos aos que hai que sumar os 16 que ostenta Á dereita!, o grupo liderado por Éric Ciotti, para evitar que rexeitase o nomeamento.

Posíbel fin do cordón sanitario

A decisión tamén pon en cuestión se o cordón sanitario contra a extrema dereita na política francesa (que xa rompera Ciotti, o líder -na actualidade só sobre o papel- de LR) aínda está vixente. Ao non contar Macron cos progresistas, na práctica será RN quen terá a última palabra na Cámara Baixa sobre o Goberno.

Na noite da terza feira, reporta a canle BFM, Macron chamou Le Pen por primeira vez desde a reunión do 26 de agosto na rolda de contactos do presidente cos grupos políticos. O líder francés quería saber se vetaría os principais candidatos a primeiro ministro naquela altura, o ex integrante do PS Bernard Cazeneuve -que xa estivera no cargo- ou Xavier Bertrand (LR).

Le Pen ratificou que votaría en contra de calquera desas dúas opcións e que faría o mesmo con calquera candidatura que non sexa “respectuosa cos electos e os votantes de RN”, o que implicaría a fin do cordón, acepte modificar o sistema electoral para que se oriente á representación proporcional -beneficiando a ultradereita, a forza máis votada nas lexislativas cun millón e medio máis de papeletas que a NFP-, e “un compromiso para traballar en inmigración, seguridade e poder adquisitivo”.

Non se prevén obstáculos cando menos no primeiro apartado, no que Barnier endureceu as súas posturas cando optaba -sen éxito- a ser o candidato de LR nas presidenciais de 2022.

A extrema dereita tamén se encargou de descartar o nome de Thierry Beaudet, presidente do Consello Económico, Social e Ambiental, unha proposta que a RN definiu como “insultante”. En última instancia, e malia que Macron tamén contactou o resto de grupos, a formación de Le Pen “pesa máis que as demais a ollos do xefe de Estado”, algo que xustifica en garantir a estabilidade do Executivo, incidiu Le Monde.

Non obstante, non aconteceu o mesmo con Barnier. O presidente de RN -un cargo que de facto mantén Le Pen-, Jordan Bardella, confirmou neste sentido que non haberá censura automática e que definirán a súa posición en base ao “discurso de política xeral” que ten que ofrecer o primeiro ministro ao lexislativo.

Antes do anuncio, o vicepresidente de RN, Sébastien Chenu, fixo fincapé na “ironía” de que “hai unhas semanas non era preciso falar” con eles e agora están a ser “cortexados”, e xa con posterioridade o ex presidente François Hollande (PS) reclamou a Barnier explicacións polo que é “practicamente” unha “certeza”, que a extrema dereita o avalou.

A NFP reaccionou rapidamente á decisión. A principal forza da coalición, A Francia Insubmisa (LFI), sostivo da man de Jean-Luc Mélenchon que “nos roubaron as eleccións”, apuntando que, malia que a segunda volta das lexislativas centrouse en derrotar a ultradereita, con abandonos masivos para aumentar as opcións do resto de candidaturas, foi seleccionada “a personalidade máis achegada ás súas posicións”.

Pola súa parte, Faure fixo fincapé en que “entramos nunha crise de réxime”, e o PS transmitiu que Barnier “non ten lexitimidade política nin republicana”, subliñando que Macron está a danar a democracia e a “pasar páxina dunha tradición republicana compartida e respectada até o de agora” no Estado, a de permitir á primeira forza tratar de formar Goberno. Asemade, ratificou que censurará o Executivo de Barnier.

A secretaria xeral dos Verdes, Marine Tondelier, falou de “verdadeiro escándalo” e criticou a demora na decisión de Macron, aseverando que “se tivese sucedido en calquera lugar de Europa o teríamos considerado deplorábel a nivel democrático”. Á vez, demandou ás persoas que apoiaron a NFP que “non se rendan, isto é exactamente o que están a agardar”. Nese sentido, Fabien Roussel, que encabeza o Partido Comunista (PCF), indicou que Barnier “está nas antípodas da mensaxe enviada polos franceses”.

Von der Leyen celebra a decisión

Quen si recibiu con agrado o anuncio foi a presidenta do Executivo da UE, Ursula von der Leyen, que afirmou que Barnier ten “no corazón os intereses de Europa [en alusión ao bloque comunitario] e Francia”, e que neste mandato terá por primeira vez un vicepresidente de extrema dereita, o italiano Raffaele Fito, que se encargará da área económica, publicou a canle Welt. Fito é membro do Goberno e da formación da primeira ministra italiana Giorgia Meloni, Irmáns de Italia.

Comentarios