Quen é esta rapaza? Búscase a moza dunha das fotografías de Antón Beiras na malla de Muras en 1957

As organizadoras da exposición de 35 imaxes sobre aquela malla elixiron a foto con esta rapaza como imaxe da mostra. Agora, procuran saber quen é.

Antón Beiras
photo_camera (Foto: Antón Beiras)

"Búscase! Axudádenos a atopala, compartindo". Con este chamamento nas redes sociais, o Legado Activo Beiras Cal (LABC) fai unha petición co obxectivo de localizar a protagonista dunha das imaxes da serie ‘A malla de Pascual. 1957’, do compostelán Antón Beiras.

“Cando fixemos as impresións dos negativos da serie A malla de Pascual quixemos saber de todos os que saían fotografados”, explican desde o LABC. “Demos con moitos deles ou cos seus descendentes. Os máis deles xa viñeron ás Aguias [lugar de Muras onde está a exposición] ver a exposición.  Non foi así con esta moza. A fotografía gustábanos tanto que a eliximos para ser a imaxe do cartel da exposición”.

Sinalan que “a mirada directa a cámara, o cansazo do traballo no rostro, o corpo lanzal, o paso enérxico, a roupa gastada do traballo...”foron os motivos para esa escolla.

“Que lle diría Antón desde detrás da cámara para conseguir que mirase cara el?E ninguén a lembra, ninguén sabe dicir de que aldea era, de que casa. Das Aguias? De Seilán? Das Cuíñas? Da Picheira? De Invernés? Que sería dela, da súa familia? Emigrarían e non regresarían? Estarán vivindo nalgunha cidade galega?”.

Comentarios