Do 13 ao 15 de setembro Arzúa mergúllase na Festa dos Botes

Música, actividades e convivio na 41 edición desta cita da mocidade arzuá.

O artista valadourés Grande Amore (Foto: Janite).
photo_camera Nunco Pico, Grande Amore, será o pregoeiro desta edición da Festa dos Botes (Foto: Janite).

Do 13 ao 15 deste mes Arzúa volverá mergullarse na Festa dos Botes, un festexo da mocidade arzuá que nesta 41 edición conta cun amplo cartel de actividades, así como coa actuación musical de grupo relevantes no panorama actual galego.

Este ano volta o tradicional Xantar dos Botes en Ribadiso, o cal se deixou de facer nas últimas edicións. Este ten lugar o domingo 15 de setembro na Área Recreativa de Ribadiso, na cal ademais do xantar haberá unha sesión vermú ás 13 horas a cargo do Dúo Acherizados, que  voltarán a animar a festa nunha sesión de tarde ás 18:30h.

Así mesmo, nesta xornada de festividade haberá ás 17 horas unha Festa da Espuma e ás 18 horas o tradicional Concurso de Peitados. Para rematar o día, a DJ arzuá Pájara Boba fará o fin de festa.

Maia Festa dos botes principia a sexta feira 13 de setembro. “Pensamos que para iniciar a festa que mellor que cunha actividade que nos axude a deixar un recordo físico do que será a fin de semana dos Botes, é por iso, que ás 17:30 contaremos con Arte Urban da man de dous mozos da vila, este feito tamén foi pensado para recoñecer e pór en valor a calidade artística e cultural coa que conta Arzúa, pondo especial relevancia a aquela que vén da man da mocidade do pobo”, indican desde a organización.

As actuacións musicais terán o seu comezo ás 20:15 horas co concerto de Saso Legalmente, un artista emerxente da Estrada. O pegón será ás 21 horas e correrá a cargo de Nuno Pico, máis coñecido como Grande Amore, “debido ao seu cariño por Arzúa e a súa profunda amizade coa mocidade arzuá”.

Nuno dará paso ás 21:45 horas á procesión de Cutinocho, o heroe da vila de Arzúa, unha especie de deus pagá e a figura principal da Festa dos Botes. Na súa procesión polas rúas contarase co acompañamento do grupo de música tradicional Os Amighos de túa Prima.

O percorrido de Cutinocho abre o tradicional Xogo da Moca ás 22:15 horas, unha especia de Xogo da  Oca no cal as casas corresponden cos diferentes bares da vila. O Xogo da  Moca trae novidades moi importante este ano como é a AP-9 de Cutinocho, ademais hai que ter en conta que a Charanga BB+, Os Rebotes e Os Amighos de túa Prima darán o toque musical a esta actividade tan peculiar.

O sábado 14 de setembro, este comeza ás 13:00h cunha sesión cargada de diversión da man de Pájara Boba. Ás 17:00h xogos infantís, dous obradoiros e unha colchoneta inchábel.

Lanzamento de Pucheiros ás 19:30 horas, tentando por parellas que estes recipientes de barro consigan voar o máis alto posíbel.

O festival contará con Lontreira, Terbutalina, o dúo de DJ´s de Cernadas e Meu Cariño. E para rematar a noite do sábado sesión dobres de DJ´s ás 2:55h con Mahía e BB.Wav.

Comentarios