Os versos de Luísa Villalta soarán en Viena

Unha colaboración entre os festivais Espazos Sonoros e ViertelBarock de Viena permite organizar na capital austríaca un serán (Galicischer Nacht) dedicado á cultura galega a través da figura de Luísa Villalta.
Maria Danneberg e Belén Bermejo directoras artísticas dos festivais ViertelBarock e Espazos Sonoros. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Maria Danneberg e Belén Bermejo directoras artísticas dos festivais ViertelBarock e Espazos Sonoros. (Foto: Nós Diario)

O festival Espazos Sonoros da Galiza e o festival ViertelBarock de Viena colaboran para presentar, este sábado 7 de setembro, na capital austríaca, un serán (Galicischer Nacht) dedicado á cultura galega a través da figura de Luísa Villalta.

Para as responsábeis da dirección artística dos dous festivais, a austríaca Maria Danneberg e a galega Belén Bermejo, a intención desta iniciativa é unir forzas entre os dous proxectos co ánimo de favorecer o achegamento entre ámbitos culturais diversos e, ao tempo, lograr unha nova fonte de inspiración mutua.

Segundo Belén Bermejo, faise así realidade a nosa necesidade de transcender a través doutras culturas e contextos. Nesta ocasión a cooperación materialízase na celebración dun acto músico-literario, no que colaboran a poeta Eva Veiga, a actriz Lisa Furtner e o músico Pierre Pitzl. A voz de Luísa Villalta soará en galego e alemán, grazas a un exhaustivo traballo de investigación e creación das traductoras Maria Gabriel e Rosa Marta Gómez Pato, sendo esta a primeira vez que se traduce ao alemán unha escolma de poemas da poeta coruñesa.

A poesía de Luísa Villalta, encarnada na voz gravada de Eva Veiga e na voz ao vivo de Lisa Furtner, será tamén reinterpretada través da música grazas á colaboración do guitarrista e violagambista, profesor da Universidade de Música e Artes Escénicas de Viena, Pierre Pitzl.

O acto terá lugar no Atelier Fé, unha galería do distrito 9, e conta na súa realización, co apoio da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta da Galiza, a Deputación da Coruña, a través do Servizo de Patrimonio e Contratación, a Stadt Wien Kultur, a Bezirksvorstehung Alsergrund, e o Foro Cultural de Austria.

Novas colaboracións entre festivais

O 15 de setembro, na Casa de Rosalía, en Padrón, como parte do programa do festival Espazos Sonoros, partillaranse algunhas impresións do acto que se celebrará en Viena como ponte para futuras colaboracións.

O festival ViertelBarock desenvólvese do 6 ao 8 de setembro en Viena e o festival Espazos Sonoros, 1 ao 28 de setembro en diferentes espazos con características singulares, como o Teatro Colón da Coruña, a igrexa de Santiago de Mens, o teatro de Beneficencia de Ortigueira, a Casa de Rosalía, ou o edificio modernista do casino Ferrolán, entre outros.

Comentarios