Contracultura

Rebeca Lar, artista: "É contraditorio que un sitio de lecer estea vinculado cunha realidade chea de violencia"

Rebeca Lar (Vigo, 1993), artista e doutora en Belas Artes, é a creadora da imaxe que ilustra a capa do número 619 do 'Sermos Galiza', dedicado á memoria histórica. Publicarase este sábado con motivo do Día da Galiza Mártir, data que lembra a figura de Alexandre Bóveda e de todas as persoas represaliadas polo fascismo.
Rebeca Lar, creadora da imaxe da capa do vindeiro número de 'Sermos Galiza'. (Foto: R. L.)
photo_camera Rebeca Lar, creadora da imaxe da capa do vindeiro número de 'Sermos Galiza'. (Foto: R. L.)

—A imaxe da capa forma parte de Memoria. En que consiste dito proxecto?
A serie Memoria forma parte ao mesmo tempo dun proxecto máis grande que se chama Paseo. Este último consistiu na busca de lugares nos que houbo violencia, represión e asasinato durante a guerra e a posguerra na zona de Pontevedra e arredores. 

Paseo foi un cambio de rumbo na miña traxectoria artística. Xurdiu dun recordo transmitido oralmente na miña familia. Aínda que Memoria rematou, sigo a traballar con esta temática. Agora mesmo estou recompilando cartas que os presos do campo de concentración que houbo na Illa de San Simón (comarca de Vigo) enviaron ás súas familias. É algo que moitas persoas da contorna da ría de Vigo descoñecen. Esta investigación sairá á luz no último trimestre do ano, nunha exposición en Sarao Studio, en Ferrol (Ferrolterra).

A miña intención con Memoria era traballar coa paisaxe; plantas, flores e demais elementos naturais atopados neses espazos de memoria. Con todo, cando estaba no proceso de realización decateime de que neses lugares xa había placas e monumentos que recordaban ou homenaxeaban o acontecido. Pareceume interesante traballar a partir deles. O que se me ocorreu foi empregar o gravado ou frottage facendo composicións de letras e números partindo dos elementos que xa existían. 

—Por que escolleu a técnica do gravado ou frottage para a súa realización?
A verdade é que moitas das placas non permitían esta técnica porque eran planas, pero parecíame unha forma bonita de traballar fisicamente: ter que ir aos sitios, coller lapis, grafito e papel para gravar sobre o que xa estaba alí sen facerlle ningún dano. 

—Tras rematalo, hai algo que mudaría no proceso e execución do proxecto?
De primeiras, non cambiaría nada porque penso que funciona e que acae ben co que eu quería; levar á reflexión sobre eses espazos. Así e todo, si que me gustaría ter feito unha observación dos monumentos e placas deste estilo que hai en toda a Galiza. 

—Onde foi realizada a peza que será portada no vindeiro número do Sermos Galiza
Está no acceso á praia dos Olmos, en Vigo (comarca homónima). Moitas das persoas que visitan este areal seguro que non saben as causas detrás desta placa. Interesoume tamén o sentimento raro que  provoca cando a descobres. 

É algo contraditorio que un sitio relacionado coa diversión estea vinculado cunha realidade non tan afastada no tempo chea de violencia e de morte. Saber que asasinaron a persoas nese sitio no que imos mergullarnos, rir e pasar o día xera certo sentimento. Iso é o que me interesa dos monumentos, esa invitación á reflexión aínda que sexa só un intre. 

—Por que escolleu cada un dos monumentos que conforman Memoria
Foi un pouco o que me fun atopando. Todo o proxecto realizado co frottage, ademais da inspiración para as curtas que executei e demais obras, atopeinas a base de viaxar. Si que é certo que unha vez que encontras unha e investigas sobre ela xa van xurdindo as demais. O que me interesaba tamén era un pouco a casualidade, achar os monumentos case por sorpresa.

Máis en CULTURA
Comentarios