Parlamento

A vivenda centra a sesión de control a Rueda e Pontón advirte: "Levan 15 anos incumprindo este dereito"

A vivenda centrou esta cuarta feira a sesión de control no Parlamento ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. Un debate no que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntou polas políticas do Goberno galego en vivenda protexida ou pisos turísticos e no que Rueda acusou o nacionalismo de "ter obsesión por perseguir a quen ten dúas vivendas".
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro durante a sesión de control desta cuarta feira. (Fotos: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro durante a sesión de control desta cuarta feira. (Fotos: Arxina)

"Levan 15 anos incumprindo o dereito á vivenda", reprochou Ana Pontón a Alfonso Rueda na sesión de control parlamentaria. A portavoz nacionalista mostrouse moi crítica coa política en vivenda do Goberno galego, exemplificada, apuntou, por datos como o de que na Galiza apenas 0,3% do total dos inmóbeis son vivenda pública, mentres que en Europa son 9%. "Deixan sen executar 41% do orzamento para vivenda, non atenden as peticións de Concellos para declarar zonas tensionadas para o aluguer...", afirmou Pontón, que puxo o ramo á intervención criticando que a Xunta aprobara "aumentar 30% o prezo da vivenda protexida. En quen están pensando? Nos promotores ou na xente?".

O presidente galego recoñeceu ese aumento de 30% no módulo desas vivendas e cualificou esa medida como "lóxica e responsábel", apuntando a que ese incrementou deuse na maioría dos territorios do Estado e en maior medida que na Galiza. Rueda, que acusou os nacionalistas de "perseguir a quen ten dúas vivendas" e de estar máis interesados en "protexer os okupas" que en favorecer o acceso á vivenda; recoñeceu que parte dos orzamentos de vivenda ficaron sen executar, mais rebaixou esa cantidade de 41% a 20% e xustificouno en cuestións de prazos dos fondos europeos.

As vivendas de uso turístico (VUT) tamén estiveron no debate entre Rueda e Pontón. A nacionalista instou o presidente a retirar do rexistro da Xunta as 771 vivendas vacacionais "ilegais" en Compostela após a aprobación da normativa sobre VUT do Goberno local.

"Cumpra a lei", dixo, "e non permita que esas VUT operen na ilegalidade". Rueda, porén, cargou contra a medida aprobada polo Executivo local da capital galega, afirmando que ía permitir que "miles de vivendas" na cidade vaian ter uso turístico dous meses ao ano.

Municipal

O secretario xeral do PSdeG e portavoz na Cámara do grupo socialista, José Ramón Gómez Besteiro, centrou a súa intervención na sesión de control en cuestionar a Xunta da Galiza pola súa política de "que paguen os concellos".

Besteiro puxo como exemplo o Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) e o novo imposto de Sogama, onde comparou Alfonso Rueda co "Sheriff de Nottingham", que "quita aos pobres para darllo aos ricos". Lembrou o secretario xeral socialista que no SAF a Xunta da Galiza debe de pagar a metade do servizo, "e non o fai, tendo que pagala os municipios"; e a respecto de Sogama acusou o Goberno galego de "querer recadar 12 millóns a conta dos galegos e das galegas".

Alfonso Rueda aproveitou a súa resposta para afondar nos "conflitos" a nivel local do Partido Socialista no Carballiño e en Compostela, onde Besteiro "vai contra eles [en referencia aos grupos municipais socialistas, albo de expedientes do PSdeG que están en trámite] por ser coherentes", dixo.

Comentarios