Agustín Hernández volve á Xunta como subdirector xeral

O popular integrase no departamento de Augas.
Agustín Hernández, nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Agustín Hernández, nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)

O ex conselleiro de Medio Ambiente, alcalde de Santiago de Compostela e membro do Partido Popular (PP), Agustín Hernández, regresa á Xunta da Galiza en calidade de subdirector xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas en Augas da Galiza, un organismo dependente da consellería que dirixiu entre abril de 2009 e xuño de 2014.

Deste modo, Hernández volve á actividade pública logo de que cesase como presidente do Consello Económico e Social (CES) en outubro do pasado ano 2023, cargo no que entrou en 2019 para ser substituído por Manuel Pérez Álvarez.

Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos de formación, tamén é funcionario do Corpo Facultativo Superior do Goberno galego, estando en posesión do diploma de directivo da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Agora, pasará a ocupar a súa praza como funcionario na Xunta da Galiza nun cargo de subdirector xeral de Infraestruturas Hidráulicas, que non é novo para el, pois xa o exerceu durante a década dos 90 do século XX.

Precisamente, durante a xornada de onte Agustín Hernández foi o encargado de explicar a obra levada a cabo para a remodelación integral do parque de San Martiño, nunha zona inundábel do río Anllóns, no municipio de Carballo (comarca de Bergantiños), onde acompañou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Un veterano da política

Da man do ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, entrou como conselleiro no primeiro Executivo que configurou o popular, en 2009. Del saíu anos máis tarde para asumir, en xullo de 2014, a alcaldía compostelá nun convulso mandato local que finalizou en 2015 e no que lle antecederon no cargo os tamén membros do PP Gerardo Conde Roa -que dimitiu por fraude fiscal- e un Ángel Currás imputado na Operación Pokémon.

Hernández, ao que se consideraba un dos 'homes fortes' de Feixoo, dirixiu Santiago case un ano, até que perdeu un bastón de mando municipal que non. conseguiu recuperar nas eleccións locais de maio de 2019, caendo derrotado fronte o socialista Xosé Sánchez Bugallo, que iniciou un goberno en minoría con apoios puntuais de BNG e Compostela Aberta. Meses despois, Hernández foi proposto para presidir o CES.

Comentarios