-Cando teñen o primeiro contacto con Moncho Reboiras?
Lois Ríos: As miñas primeiras lembranzas son de cando estaba en Vigo. Moncho acababa de rematar Enxeñería e despregaba unha intensa actividade de carácter cultural. En colaboración cos cregos progresistas traballaba desde a asociación cultural nun tempo en que todo estaba moi controlado. Tamén facía un labor de proselitismo importante. Estamos a falar dos anos 72 ou 73. Nese momento eu traballaba nunha empresa en Vigo e a partir do contacto con el intégrome na organización, primeiro colaborando, e mesmo aproveitamos a infraestrutura do meu traballo cunhas chaves que consigo para facer octavillas e o propio xornal. Daquela eramos moi novos.
Elvira Souto: No meu caso, eu estaba na Coruña e o Moncho mandouno o partido como responsábel de célula. Pouco despois pasei á clandestinidade e debín de estar ano e pico, até o 75. El traballaba nunha contrata de Telefónica, Intelsa paréceme lembrar, e tiña unha forte actividade sindical, participando na creación do sindicalismo galego xunto con Manuel Mera e outras persoas. Moncho Reboiras era un militante de manual, gran compañeiro, amable, sen intereses egoístas, moi xeneroso...
L.R.: Lémbrome del como unha persoa nada dogmática, moi flexíbel, dialogante, que sempre buscaba alternativas, solucións. Era moi imaxinativo e moi comprometido mais sempre cos pés na terra.
-Que papel tiña entón como ideólogo, na creación doutrinaria dun nacionalismo que se estaba a organizar?
L.R.: Moncho era unha persoa con estudos, que lía moito e sabía de literatura e demais mais ten unha idea clara que é fundamental: organizar o movemento obreiro. Se algo había na altura eran intelectuais e o que facía falta era desenvolver as estruturas populares. Era moi instruído mais non facía ostentación diso. É fundamental, por exemplo, no achegamento da xente da Organización Obreira e de Galiza Socialista porque ven nel un traballador máis. Non é un estudante ao uso. A súa familia tiña un bar en Teis e el entra de novo no mundo do traballo, en Barreras, en Álvarez. Significa a ruptura co piñeirismo, co intelectualismo. Non casa coa imaxe do intelectual senón do traballador e iso foi decisivo.
E.S.: Tiña diferente procedencia e tamén outro comportamento. Non formaba parte do sector de profesionais e intelectuais, tanto por orixe como por adscrición. O nacionalismo vivía desvinculado do mundo das fábricas e iso muda coas folgas de 1972. A xente de Organización Obreira, a combativa escisión de Comisións Obreiras e as xuventudes do PC, teñen contacto co nacionalismo a través de de Reboiras, mais despois, cando o contacto pasa a Ferrín ou Pepiño prodúcese un afastamento, o que foi unha grande perda para o nacionalismo. Este grupo de obreiros manuais, moi curtidos na loita vían en Moncho un deles. Malia ser un individuo con formación académica, identifícase coa loita obreira.
L.R.: Ten unha idea moi clara, o que fai falta é ter movementos organizados. Os individuos teñen que estar en función das organizacións e as organizacións dun obxectivo claro que era acadar a democracia e unha Galiza ceibe e popular, nun programa moi básico. Moncho colaborou moito en todas as publicacións, revistas culturais, follas informativas, no Terra e Tempo... o seu é un papel determinante. Unha persoa tan nova non ten tempo de escribir mais impulsou cantidade de iniciativas. Sempre estabamos facendo cousas, coa vietnamita. Sempre o lembro traballando. O seu papel na creación de voceiros foi fundamental, tiña claro que había que levar as ideas fóra. É, poño por caso, o impulsor do primeiro xornal clandestino obreiro, Xerme.
(A entrevista completa está publicada nas páxinas 8-9-10 do número 157 do semanario Sermos Galiza, ao dispor nos quiosques e tamén na nosa loxa en formato dixital)