Últimas horas para presentar a declaración da renda

Está previsto que nesta campaña do IRPF se presenten algo máis de 23,2 millóns de declaracións en todo o Estado, das que 63% terán dereito a devolución.
Un contribuínte enchendo o formulario para presentar a declaración da renda de 2023. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Un contribuínte enchendo o formulario para presentar a declaración da renda de 2023. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Campaña da Renda e Patrimonio 2023 finaliza esta mesma segunda feira, 1 de xullo, un día máis do que adoita ser habitual, xa que o 30 de xuño caeu este ano en domingo, segundo figura no calendario da Axencia Tributaria. Desta forma, as e os contribuíntes que aínda non o fixeran dispoñen de apenas unhas horas para ultimar as declaracións da renda correspondentes ao exercicio pasado antes de que finalice a campaña, que arrincou o pasado 3 de abril.

Hai que ter en conta que nos casos de declaracións con resultado a ingresar con domiciliación en conta, a campaña xa concluíu a pasada cuarta feira, 26 de xuño. A Axencia Tributaria prevé ingresar 18.908 millóns de euros na Campaña de Renda 2023 que arrincou o pasado mes, un 12,2% máis respecto ao exercicio anterior, mentres que o importe para devolver aos contribuíntes será un 1,8% inferior, con 11.650 millóns.

Está previsto que nesta campaña do IRPF se presenten un total de 23.281.000 declaracións en todo o Estado español, o que representa 1,2% máis que no ano anterior. Dese total, prevese que dean dereito a devolución arredor de 63% delas —unhas 14.614.000, 3% menos— por un importe estimado de 11.650 millóns de euros.

Quen ten que declarar e quen non

Unha das novidades desta campaña é que todos os autónomos e autónomas estarán obrigadas a facer a declaración da renda o ano que vén, independentemente dos seus ingresos. Do mesmo modo, as persoas titulares do ingreso mínimo vital e as persoas integrantes da unidade de convivencia están obrigadas a presentar anualmente declaración correspondente ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.

Ademais, esta campaña estivo marcada pola ampliación da dedución por maternidade, a dedución no IRPF por gardarías tras a sentenza do Supremo, aínda que o centro non conte coa autorización de centro educativo, ou as devolucións aos pensionistas que realizaron achegas a mutualidades laborais e pagaron de máis no IRPF, tras outra sentenza do Tribunal Supremo.

En termos xerais, non están obrigadas as persoas contribuíntes con rendas exclusivamente procedentes do traballo ata un importe de 22.000 euros anuais. Con todo, este límite redúcese se os rendementos proceden de máis dun pagador —salvo excepcións—, ou tamén cando o pagador non está obrigado a reter e cando os rendementos están suxeitos a un tipo fixo de retención. En tales casos, o límite é de 14.000 euros anuais.

Igual que o ano anterior, tampouco estarán obrigados os contribuíntes que conten con rendementos do traballo, capital e actividades económicas, así como ganancias patrimoniais —subvencións, premios e outras—, co límite conxunto de 1.000 euros, xunto con perdas patrimoniais inferiores a 500 euros.

Comentarios