O prezo da vivenda medrou 33,1% en Compostela

A xentrificacion está a operar de xeito claro no Casco Histórico de Compostela.
Vivendas en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vivendas en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A vivenda tense convertido nun problema de primeira orde para a poboación de Compostela que afecta as e os residentes da cidade, que se ven obrigados a marchar a outros municipios da comarca pola falta da oferta ou polos elevados prezos, mais tamén aos estudantes que cada curso teñen máis complicado atopar aloxamento. A esta situación teñen contribuído de xeito decisivo as vivendas de uso turístico, unha porcentaxe moi elevada das cales se emprazan no Casco Histórico.

O prezo do alugueiro non deixou de incrementarse nos últimos anos en Compostela. Segundo os datos achegados polo Observatorio da Vivenda da Galiza para o período 2018 – 2023, este incrementouse até 33,1%, pasando de 424,2 a 564,5 euros, chegando a duplicar o incremento do Índice de Prezos ao Consumo neses anos.

Ao tempo, a oferta da vivenda para alugar durante todo o ano ou no período  o curso académico é cada vez máis escasa, malia sinalar o Instituto Nacional de Estatística que 6.198 inmóbeis de uso residencial permanecen baleiras.

A xentrificacion está a operar de xeito claro no Casco Histórico de Compostela, que leva máis dunha década expulsando residentes co seu negativo impacto no comercio e na cohesión da cidade.

Comentarios