Unha investigación da USC augura un crecemento da produción na Galiza en 2025 de 2,5%

O equipo de Hispalink-Galiza, unha liña de investigación permanente en economía aplicada, na que participan quince universidades, entre elas a Universidade de Santiago, indica que a Agricultura e a pesca liderarán o medre o ano vindeiro.
Campo de millo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Campo de millo (Foto: Nós Diario).

O crecemento da produción na Galiza será de 1,8% en 2024, fronte a 2,2% no conxunto do Estado español. En 2025, este crecemento situarase en 2,5% para o caso galego, fronte a 2,4% na totalidade do Estado. Estas son algunhas das predicións do equipo de Hispalink-Galiza, unha liña de investigación permanente en economía aplicada, na que participan quince universidades, integrada polas investigadoras da USC María-Carmen Guisán, Maite Cancelo, Emilia Vázquez, Pilar Expósito, Rosario Díaz-Vázquez e Eva Aguayo

A última onda desta investigación estimou en 1,9% o crecemento da produción real da Galiza o ano pasado, menor que o do Estado, situado en 2,5%. En 2023, o sector primario (agricultura e pesca) tivo unha diminución menor na Galiza que no conxunto do Estado, cunha variación de -0,6% na primeira e de -2,5% no segundo. Pola súa parte, a industria tivo un incremento maior na Galiza que no conxunto do Estado, cunha variación de 3% fronte a 1,6%.

A construción e os servizos creceron menos na Galiza que no Estado con taxas nestes sectores de 0,2% e 1,9%, en territorio galego, fronte a 2,4% e 3% na totalidade do Estado. 

Tal e como apuntan desde o equipo da USC, “os últimos datos dispoñíbeis mostran unha mellor evolución do sector de agricultura e pesca galega que a media española”. O Valor Agregado Bruto (VAB) do último trimestre de 2023 mostra unha tendencia negativa para a Galiza con relación ao trimestre anterior, mais mantense ao longo do tempo un comportamento máis estábel que no Estado.

En relación ao emprego, a situación é máis favorábel, ao aumentar no primeiro trimestre de 2024 o número de persoas ocupadas galegas en 7,9%, segundo os datos da enquisa de poboación activa (EPA), que contrasta cunha lixeira caída (-1,21) a nivel estatal.

No futuro

Para 2024, o equipo de investigación da USC agarda que o crecemento na Galiza por sectores se distribúa do seguinte maneira: 1,5% en agricultura e pesca, 2,4% en industria, 2,6% en construción e 1,6% en servizos. De cara a 2025, as previsións indican que o crecemento en agricultura e pesca acadará 5,9%, fronte a 2,5% en servizos, a 1,7% en industria e a 2,2% na construción. 

Finalmente, a taxa prevista de crecemento do VAB real da Galiza para 2026  é de 2.3% e a do Estado de 2,4%. Por sectores, as taxas da Galiza son de 0,8% en agricultura e pesca, 2,2% en industria, 1,8% en construción e 2,4% en servizos.

Comentarios