A cooperativa Clun alcanza os 267 millóns de facturación en 2023, os seus mellores resultados

O grupo lácteo prepárase para lanzar ao mercado até unha vintena de novos produtos

Juan Gallástegui, director xeral de Clun, na asemblea xeral ordinaria da cooperativa decorrida en Ames (comarca de Compostela). (Foto: Clun)
photo_camera Juan Gallástegui, director xeral de Clun, na asemblea xeral ordinaria da cooperativa decorrida en Ames (comarca de Compostela). (Foto: Clun)

A cooperativa rural galega Clun —que fabrica e comercializa as marcas lácteas Feiraco, Clesa e Únicla— aprobou, en asemblea xeral ordinaria decorrida en Ames (comarca de Compostela), as súas contas de 2023, ano no que alcanza os seus mellores resultados: 267 millóns de euros de facturación.

Segundo informa a compañía nun comunicado, consegue o seu maior Ebitda —beneficios antes de intereses e impostos—, cun aumento do 61% respecto a 2022, até chegar a perto de oito millóns de euros. Ademais, rexistrou un resultado neto positivo en todas as empresas do grupo.

O director xeral de Clun, Juan Gallástegui, destacou que se trata das mellores contas da cooperativa desde a súa fundación. Apunta que, tras varios exercicios de crecemento, procédese á superación dos problemas que se arrastraban desde hai anos. Subliña "o modo que a cooperativa escolle para crecer: desde o respecto ao traballo que se fai no campo e nas granxas".

Ademais, Clun aumenta as súas exportacións até alcanzar 65 Estados. Informa de que, tras a boa acollida dos iogures gregos en gran formato, lanzarán até unha vintena de novos produtos.

"En Clun negámonos a iniciar ningunha guerra de ofertas que desvaloriza o esforzo das mulleres e homes do noso rural", asegura.

Comentarios