O Sindicato Labrego denuncia recortes de prezos lácteos con casos por baixo de 40 céntimos por litro

"Hai semanas tamén que solicitamos entrevista á nova conselleira de Medio Rural para trasladarlle estes problemas e os doutros sectores, sen que até o momento se dignase tan sequera a contestar", reprocha o SLG.
Vacas de leite ecolóxico a pasto na Pastoriza. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vacas de leite ecolóxico a pasto na Pastoriza. (Foto: Nós Diario).

O Sindicato Labrego Galego denuncia esta cuarta feira unha "nova ofensiva de destrución da cadea de valor" por parte das industrias ao presentaren ofertas "en todos os casos" con recortes nos prezos que se pagan a gandeiros e gandeiras galegas, con explotacións nas que o litro de leite chega a pagarse por baixo dos 40 céntimos.

Nun comunicado, o SLG avanza que acudirá á Axencia de Información e Control Alimentario para denunciar os contratos que "destrúen prezos", xa que algunhas granxas acumulan unha rebaixa de até 20 céntimos, desde os 60 céntimos que chegaron a cobrar no inverno de 2023 aos 39 céntimos que se ofertan nestes momentos.

Desde a organización lembran que xa no mes de febreiro tiveron coñecemento de que "Lactalis e Leite Río estaban a ofertar idénticos abaratamentos de leite á distribución", polo que se advertiu que estas estratexias comerciais "terían consecuencias para as gandarías".

O Sindicato alerta de que esta baixada "supón unha clarísima vulneración da Lei de Cadea Alimentaria", á vez que carga contra a "tan cacarexada como inútil Conta Láctea" por parte da Xunta da Galiza, "deixando as labregas indefensas ante a extorsión das industrias". As estratexias "ilegais" de baixada coordinada das industrias lácteas, din, "están presentes demasiado a miúdo no sector".

"Hai semanas tamén que solicitamos entrevista á nova conselleira de Medio Rural [María José Gómez] para trasladarlle estes problemas e os doutros sectores, sen que até o momento se dignase tan sequera a contestar", reprocha o SLG.

Comentarios