Investigadoras da USC crean un mapa dixital con todos os topónimos que aparecen nas cantigas profanas da lírica galego-portuguesa

A maioría dos lugares que se citan nestes textos aínda existen na actualidade, pero moitos deles teñen unha relevancia social moi diferente.

viveiro
photo_camera Neste texto aparece citado "Viveiro" (Foto: USC)

O Grupo de Investigación Románicas da Universidade de Santiago (USC) creou un mapa dixital con todos os topónimos que aparecen nas cantigas profanas medievais. Este recurso  elaborouse no marco do proxecto ‘Lírica galego-portuguesa’, desenvolto no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A cartografía é froito do traballo dun equipo dirixido pola catedrática de Filoloxía Románica Pilar Lorenzo Gradín, e no que participan a historiadora Mariña Bermúdez Beloso e as filólogas Carmen de Santiago e Helena Bermúdez. Esta ferramenta, denominada CANTICAR, presentouse esta cuarta feira no Centro Ramón Piñeiro, coa asistencia do secretario xeral da Lingua, Valentín García.

“Situamos no mapa todos os topónimos que os trobadores e xograres mencionaron nos seus textos. Ademais de completar o coñecemento existente sobre a toponimia medieval e descubrir o motivo polo cal uns lugares eran máis importantes ca outros, permítenos visualizar a transformación que foi experimentando o espazo ao longo do tempo, e tamén observar como determinadas vilas pasaron de ter unha gran relevancia a ir perdendo protagonismo desde a Idade Media ata os nosos días” -indican as investigadoras participantes neste proxecto-.

Por outra parte, este recurso dixital achéganos as dimensións sociopolíticas nas que foron elaboradas as cantigas. “Non só se marcan os topónimos, senón que se reconstrúen as fronteiras dos diversos reinos que existían na Península Ibérica; de feito, no mapa pode verse a evolución deses límites ao longo de todo o período trobadoresco”, subliña a catedrática Pilar Lorenzo.

As investigadoras explican tamén que os topónimos elixidos polos trobadores e xograres teñen sempre un valor distintivo, xa que son empregados nos textos tanto en función do tema abordado como do xénero escollido. Así, o peso que ofrecen os nomes de lugar varía se se trata dunha cantiga de amor, de amigo ou de escarnio.

“Por exemplo, as cantigas satíricas están máis ancoradas na realidade, polo que a toponimia ten unha presenza maior que nas cantigas de amor ou amigo, nas que o espazo ‘real’ ocupa un segundo plano”  -sinalan-. En consecuencia, este mapa interactivo permite localizar a autores e personaxes nun marco concreto, que, en moitas ocasións, está ligado a grupos sociais ou a determinados acontecementos históricos.

Ademais de situar cada topónimo mo mapa, recóllense os textos nos que se mencionan, e os usuarios poden consultar tamén os datos biográficos dos trobadores e xograres. “Toda esta información servirá de apoio ao desenvolvemento de novas investigacións sobre a nosa tradición lírica” -apunta a coordinadora-. Destaca, así mesmo, que “a web é moi intuitiva, polo que representa un recurso docente moi valioso para diferentes niveis educativos, ao permitir que o estudantado vexa de maneira gráfica os lugares citados nos textos”.

Mariña Bermúdez e Carmen de Santiago poñen de relevo que a maioría dos lugares que se recollen nas cantigas aínda existen na actualidade, pero cunha importancia social moi diferente á que tiveron na Idade Media. É o caso da localidade sevillana de Morón de la Frontera, a vila de Castrojeriz (situada en Burgos, no Camiño de Santiago), o mosteiro de Nogueira na localidade pontevedresa de Meis, Santa María de Reza na freguesía de Ourense, as terras de Lemos, Deza, Toroño ou Crecente en Compostela…, entre outros moitos lugares que foron perdendo importancia co paso do tempo. Pola contra, outros que eran (e seguen a ser) moi relevantes como Santiago de Compostela aparecen en contadas ocasións nos textos.

“A través deste mapa dixital, os usuarios non só poderán ver o papel clave que determinados espazos desenvolven nas cantigas, senón tamén observarán o peso e a función expresiva que a toponimia tivo na nosa tradición lírica. Así pois, a ferramenta é unha oportunidade para percorrer virtualmente as espazos da ficción trobadoresca, tanto a paisaxe galega como a dunha gran parte dos reinos da Península Ibérica e a doutras localidades estranxeiras, desde finais do século XII ata mediados do século XIV” -remarca a catedrática Pilar Lorenzo-. 

Comentarios