Cales son os concellos con máis achegas veciñais para preservar e recuperar a súa microtoponimia?

Topónimos e microtopónimos inzan o país. Nomes non só de vilas, aldeas, parroquias, senón nomes de montes, fontes, camiños, regos, .... fan da Galiza un lugar único no mundo pola súa abundancia. Na recuperación deste patrimonio inmaterial a colaboración da veciñanza é imprescindíbel.

mapa fontán
photo_camera Carta xeométrica Galicia de Dominos Fontán, 1845

"Somos un pobo especialmente rico en canto a toponimia e microtoponimia" manifestaba Vicente Feixoo nunha entrevista en Nós Diario no ano 2020, coordinador de Galiza Nomeada, a plataforma de recollida de microtopónimos que lanzou a Real Academia Galega en 2019, e que até hoxe xa recolleu decenas de miles.

Galiza Nomeada recibiu dende finais de 2019 máis de 76 000 achegas públicas dende 306 concellos do país. Só sete municipios, A Capela, Bande, Portomarín, Taboadela, A Teixeira, Toques e Xunqueira de Ambía, seguen pendentes de contar con algún colaborador, aínda que A Capela, Bande e A Teixeira xa foran obxecto de recollidas en parte do seu territorio no marco do PTG (Proxecto Toponimia da Galiza). 

Os concellos nos que máis achegas públicas se fixeron foron Vigo (6.206), Outeiro de Rei (3.959), Navia de Suarna (2.971), Bueu (2.462), Redondela (2.350), Rianxo (2.259), Cangas (2.246), Mondariz (1.959), Vilaboa (1.901) e Silleda (1.803); e noutros 118 recuperáronse máis dun cento de topónimos en cada caso, segundo os datos feitos públicos pola Academia Galega.

As contribucións resultaron de especial relevancia, sinala a RAG, naqueles municipios en que non se realizara o traballo de campo do PTG, como Santa Comba, Negreira, A Baña, Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda.

“Cómpre tamén referirse a aqueloutros concellos que comezaron a recoller a súa toponimia tras o paso da campaña Toponimízate. É o caso de Allariz, onde dende outubro de 2022 se recuperaron máis de 1500 topónimos”.

Dende que a finais de 2019 a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia presentaron Galiza Nomeada, a plataforma conta con máis de 3.500 contas de usuarios e usuarias, particulares, institucións, asociacións ou centros de ensino de todo o país que achegaron de forma desinteresada máis de 76 000 nomes de leiras, montes, penedos ou cortiñas.

Moitos deles, acompañados de audios coa súa pronuncia, vídeos, fotos e outra información adicional. Toda esta documentación, referida ata o momento a 306 dos 313 concellos de todo o país, é revisada polo equipo de técnicos especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica, que corrixen e contrastan, oral e documentalmente, cada topónimo antes de validalo. 

Comentarios