Centos de estudantes da Costa da Morte poñen en valor a lingua en 'Falemos+Galego'

Unha gala puxo o ramo á implicación de centros educativos en iniciativas como a escolla dun logo e lema; ou a elaboración de vídeos a prol da lingua.

IES agra das raices
photo_camera Unhagala con música e entrega de premios puxo o ramo a esta iniciativa (Foto: IES Agra das Raíces)

A pesar do orballo “pertinaz”, como o cualificou Xurxo Souto, a mañá desta quinta feria foi unha celebración de do galego en comarcas como Fisterra ou Terra de Soneira, con epicentro en Cee e na festa e alegría que reuniu un milleiro de estudantes de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos da Costa da Morte, xunto co profesorado que os acompañou.

Xurxo Souto e María Lado conduciron unha gala, que contou con discursos das autoridades, poesía,  música e entrega de premios. Interveu ao comezo a Deputada de Igualdade e Lingua, Soledad Agra, e fechou a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, coincidindo ambas na necesidade de falarmos máis galego, e da súa importancia.

 Tamén estiveron presentes diferentes alcaldesas, alcaldes, e representantes municipais, así como unha representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Inspección educativa. Na parte musical actuaron “os novos talentos” nos centros de secundaria da Costa da Morte, como Aroa Sendón do IES Terra de Soneira (Vimianzo) e o grupo Malleira do IES Agra de Raíces (Cee).

galego 2
Asistentes á gala

Tamén estiveron Antía Muíño e Caamaño & Ameixeiras, que deleitaron ao público con unha actuación extra en conxunto. Rematou a Gala co público cantando a “Oda ao Futbolín”, himno en honra ao invento de Alexandre de Fisterra, e que é un tema mítico da xeración Xabarín da man dos Diplomáticos de Monte Alto

Premios e recoñecemento

Ao final da Gala déronse a coñecer os premios do concurso comarcal de mellor logo e lema, elixidos por un xurado do que facía parte Nós Diario, que resultou o elaborado polo IES Agra de Raíces (Cee), e o mellor vídeo, feito polo alumnado do CPI de A Picota (Mazaricos). O logo e lema gañador foi “Con seseo e con gheada, falar galego é unha pasada”

Participaban 14 centros de ensino secundario da Costa da Morte, que previamente seleccionaron os traballos nos seus institutos, todos eles elaborados polo alumnado.

Logo e lema 3
Logo e lema gañador

A impresión e comentarios das persoas asistentes foi de louvanza por esta campaña e esta Gala que pretende promover o uso do galego, “co orgullo de vivir nun territorio onde o galego é o idioma que máis se fala”, segundo as organziadoras. Os centros organizadores, satisfeitos con esta primeira edición,  confían en sumar máis participantes para o vindeiro curso

Comentarios