Máis

Vogar ao illote Areoso, unha terra de area fina na ría de Arousa

O caiac é a mellor forma  para chegar ao illote Areoso.

O illote Areoso, coroando a ría de Arousa. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O illote Areoso, coroando a ría de Arousa. (Foto: Xunta da Galiza)

O illote Areoso só posúe nove hectáreas. É un dos máis fermosos espazos do concello da Illa de Arousa, coas súas dunas de area branca e fina e cunhas augas que semellan de cristal. Areoso pertence ao Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira. Trátase dun espazo protexido pola catalogación Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), que permite a protección do illote e da súa fauna. 

A parte máis coñecida do illote Areoso é o lóbulo norte e a súa praia. Porén, a parte sur ten o seu atractivo singular. É este extremo do illote o que nos achega ao pasado e permite coñecer mellor como eran as civilizacións castrexas após os últimos traballos de investigación. 

O conxunto arqueolóxico está formado por cinco mámoas que datan do Neolítico (4500-2000 antes da era común). Pero, como chegaron os nosos devanceiros a Areoso? A resposta é doada: o illote non tería existido como tal na antigüidade. Diversos estudos afirman que Areoso formaba parte da illa de Arousa até o ano 1950 antes da nosa era, momento no que a zona se anegou e este particular espazo quedou totalmente illado do resto da civilización.

O conxunto arqueolóxico está formado por cinco mámoas que datan do Neolítico 

Hai diferentes achados arqueolóxicos que confirman esta teoría: cerámicas, frechas ou as propias mámoas. Son obxectos que non poderían atoparse aí se non fora polos homónidos.

Con todo, o illote Areoso tamén ten a súa parte cambiante. As dunas que o forman móvense de maneira constante durante todo o ano. Este feito leva preocupando varias décadas, xa que a area estase estendendo cara ao mar e a duna perde cada vez máis densidade.

A situación podería desencadear na desaparición final do illote. É por iso que se advirte ás persoas visitantes do illote desta circunstancia e pídeselles que respecten a zona. Ante todo, a prioridade é conservar este espazo natural, grande exemplo de ecosistema e historia megalítica galega.

Conectar coas mámoas: A mámoa número 4

É o resto arqueolóxico mellor conservado en Areoso. Trátase dunha cámara funeraria que aínda conserva a lousa superior e que data do Neolítico. Esta mámoa estaba cuberta por cunchas de ostra, dándolle un aspecto único. Ademais, está orientada cara ao sueste para que a luz entrara correctamente nos meses máis fríos.

Raíña de Areoso: As gaivotas, as donas

É normal atopar gaivotas  en calquera praia das nosas rías, pero neste illote ría de Arousa teñen un carácter singular. A primavera é o momento exacto no que realizan os seus niños e preparan a chegada das crías. Tamén é a época do ano na que se impoñen restricións no illote para manter a tranquilidade e o espazo das aves.

Máis en CULTURA
Comentarios