O XVI Congreso da UPG terá lugar en Compostela e decorrerá baixo o lema '60 anos de loita polo socialismo e a soberanía da Galiza'

O Comité Central da UPG acordou realizar este congreso no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
XV Congreso da UPG (Foto: Nós Diario).
photo_camera XV Congreso da UPG (Foto: Nós Diario).

O Comité Central da Unión do Povo Galego (UPG) aprobou o lema e a cidade e lugar onde decorrerá o XVI Congreso do partido. Convocado para o 7 de xullo de 2024 e baixo o lema '60 anos de loita polo socialismo e a soberanía da Galiza', o congreso terá lugar en Santiago de Compostela.

O lema escollido recolle "a idea central do noso traballo como partido e unha mención especial a unha efeméride importante, a conmemoración neste 2024 do noso 60 aniversario como organización política", explica o partido.

"Para unha organización revolucionaria como a Unión do Povo Galego cumprir 60 anos de traballo ininterrompido a prol da transformación social da Galiza e da súa independencia nacional non só é un motivo de orgullo para o conxunto da súa militancia, senón tamén pensamos, modestamente, que é un fito histórico para a nosa nación", salienta a UPG.

"É por iso que animamos ao conxunto da nosa militancia e simpatizantes a participar con nós neste XVI Congreso da UPG", engade o partido. O Comité Central acordou realizar este congreso no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

"Un espazo público ben comunicado co resto da Galiza e con ampla zona de aparcamento, o que permitirá un acceso cómodo para todas as persoas que até alí se acheguen. Así pois, esperamos contar con todos e todas vós neste XVI Congreso da UPG", acrecenta a organización.

"Momento positivo do nacionalismo"

"O Congreso foi adiado, correspondería telo realizado no ano 2023, mais a sucesión de procesos electorais fíxoo difícil, e por tanto houbo que pospoñelo. Ademais, a realización do XVI Congreso coincide co 60 aniversario da fundación da UPG en 1964, mais en todo caso, coincide sobre todo cun momento positivo do nacionalismo en que sobre a base da coherencia política e ideolóxica do traballo desenvolvido ao longo da última década, que o levou a superar momentos difíciles e situarse como unha forza emerxente e que ten capacidade para seguir crecendo e camiñar no obxectivo da hexemonía social no noso país", salientaba Néstor Rego, o secretario xeral da UPG desde hai 12 anos, a Nós Diario, no momento no que se coñecía a data deste evento.

Comentarios