A UMG escolle Iago Suárez como o novo secretario xeral da organización no seu XIX Congreso

O máximo órgano de decisión da UMG, o Congreso, tivo lugar no Casal de Ferreirós, na localidade de Poio.
Congreso da UMG (Foto: Nós Diario).
photo_camera XIX Congreso da UMG (Foto: Nós Diario).

A Unión da Mocidade Galega (UMG), organización xuvenil da Unión do Povo Galego (UPG), escolleu este sábado 11 de maio no seu XIX Congreso, após unha intensa xornada de debate, ao chantadés e deputado no Parlamento galego Iago Suárez como o novo secretario xeral da organización.

Discurso do novo secretario xeral da UMG, Iago Suárez (Foto: Nós Diario).
Discurso do novo secretario xeral da UMG, Iago Suárez (Foto: Nós Diario).

O máximo órgano de decisión da UMG, o Congreso, tivo lugar no Casal de Ferreirós, na localidade de Poio (comarca de Pontevedra). Alí, as e os integrantes da organización xuvenil da UPG debateron os textos que marcan a folla de ruta da organización para o novo período que se abre a partir deste sábado. O Congreso decorreu baixo o lema 'A loita continúa' e após os debates e a confrontación de ideas ao longo do día, a xornada tamén serviu para renovar os órganos de decisión da UMG, entre eles o Comité Nacional.

Novo Comité Nacional

Así, conformarán o novo Comité Nacional ademais de Iago Suárez ocupando a Secretaría Xeral, Sabela Méndez como responsábel de Organización, Artai Gavilanes, Alexandre Bastero, Paulo Alonso, Icía Abraira, Iria Rei, Iria Nande, Marta Gómez e Lucas Pardo. A estes nomes súmanse as das responsábeis de zona: Xavier Digón, Nuno Galán, Alberto Rivas, Manuel Agra e Iria Buide.

No seu primeiro discurso como secretario xeral, Suárez manifestou que "a mocidade galega actual sofre problemas que vimos percibindo desde hai moitos anos como a falta de emprego digno no país, as enormes dificultades no acceso á vivenda, a profunda crise demográfica causada pola emigración ou a alarmante perda de falantes que vive a lingua galega, problemas aos que tamén contribúe o galegófobo Goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza".

Ademais, durante o seu discurso, o novo líder da UMG tivo unhas palabras de agradecemento ao Comité Nacional do pasado período e en especial á anterior secretaria xeral da organización, Iria Carreira. "Pola súa dedicación á UMG e á UPG, polas horas empregadas nas nobres causas que nos fan organizarnos e por nos ter liderado nos peores momentos da pandemia, non podo nin debo deixar pasar esta ocasión sen agradecer de forma moi especial a quen hoxe deixa a Secretaría Xeral desta organización, a camarada Iria Carreira".

Para alén diso, Suárez lembrou o próximo Congreso da UPG que terá lugar o vindeiro 7 de xullo, coincidindo co 60 aniversario do partido e que, segundo afirmou, "servirá para fortalecer o partido desde o punto de vista político, ideolóxico e organizativo, así como avanzar no tan necesario camiño da soberanía nacional".

Comentarios