A catalá Maria Girón gaña o Premio Compostela con 'Bim, Bam, Bum'

Ana Garralón referiuse ao Premio Internacional Compostela como un certame “ecléctico, moi variado e suxestivo”.
A alcaldesa de Santiago, a concelleira Miriam Louzao e membros do xurado anunciaron esta sexta feira o fallo do premio.
photo_camera A alcaldesa de Santiago, a concelleira Miriam Louzao e membros do xurado anunciaron esta sexta feira o fallo do premio.

A autora e ilustradora catalá Maria Girón é a gañadora do XVII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados polo proxecto presentado co lema Bim, bam, bum». A dotación do certame, organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka, é de 9.000 euros e conleva a publicación da obra en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués en novembro.

Maria Girón estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona, completou a súa formación en Boloña, Sevilla e especializouse en ilustración na Escola Llotja. Ten unha ampla traxectoria, con numerosos libros publicados e traducidos a distintas linguas. No catálogo de Kalandraka figuran Cinco ratiños, «Os migrantes», «Cos brazos abertos», «Miña Guía, meu Capitán» e «Paraules de caramel». Foi seleccionada en 2010 e 2017 para expoñer na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.

 

A obra gañadora sobresae pola "frescura" coa que "mostra a cara lúdica da infancia, na que a amizade é un compoñente esencial", argumenta o xurado do XVII Premio Internacional Compostela, que valorou especialmente que Bim, bam, bum evoca "a felicidade nesa etapa da vida". Así, tanto no texto como nas ilustracións están presentes "o xogo, a liberdade, o movemento e o humor, complementándose nun todo harmonioso". O relato, "sinxelo e musical", apóiase en recursos da tradición oral como os acumulativos, as repeticións e os xogos fonéticos. Cun estilo "vibrante e actual", as imaxes destacan polo "trazo libre que xoga co espazo e coas cores".

O humor tamén desempeña un papel importante na obra finalista, Voglio andare senza rotelle, de Tobias Giacomazzi.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, non só felicitou á autora gañadora e ao finalista, senón tamén “a todas as persoas que se animaron a participar neste premio consolidado cun número tan grande de obras”. Precisamente, Ana Garralón referiuse ao Premio Internacional Compostela como un certame “ecléctico, moi variado e suxestivo”. “É unha marabilla que siga dezasete anos ininterrompidos premiando libros”, engadiu. 

Perto de 5.000 traballos téñense presentado ao Premio Internacional Compostela desde a súa primeira edición en 2008; un dato que, ademais da súa relevancia cuantitativa, tamén posiciona este certame como un referente mundial de calidade literaria e artística. As obras distinguidas acadan unha importante proxección exterior nas principais feiras do libro, como Boloña, Fránkfort e a FIL de Guadalajara (México), ademais de actuar como embaixadoras culturais da cidade de Santiago. 

 

Comentarios