Os artistas galegos que deseñaron a modernidade gráfica

O deseñador Pepe Barro deu a coñecer esta quinta feira, 27 de xuño, no espazo Río Lagares de Vigo o que el denomina como "Xeración triunfante", un grupo de galegos pioneiros do deseño moderno, que seguen sendo descoñecidos malia os triunfos que alcanzaron en Madrid e 
en América. 
O deseñador Pepe Barro, esta quinta feira, 27 de xuño, no espazo Río Lagares de Vigo.
photo_camera O deseñador Pepe Barro, esta quinta feira, 27 de xuño, no espazo Río Lagares de Vigo.

Filgueira Valverde acuñou o termo Xeración triunfante para denominar a un grupo de artistas como Álvarez de Soutomaior, Francisco Lloréns, Carlos Sobrino e algúns outros que desenvolvían unhas prósperas carreiras en Madrid aínda que pintaban na Galiza. Respondía así á proposta do pintor Bello Piñeiro, autor da denominación Xeración doente para o grupo de artistas que, nados máis ou menos polas mesmas datas que os anteriores, morreran novos arredor de 1900, no momento en que as súas traxectorias comezaban a sobresaír: Ovidio Murguía, Jenaro Carrero, Parada Justel e Joaquín Vaamonde Cornide.

O deseñador Pepe Barro, tamén estudoso da historia do deseño, "aprópiase" da denominación de Filgueira para referirse a un grupo de deseñadores galegos que traballaron -con grande éxito- en Madrid, durante o primeiro terzo do século XX, malia que atopaban a inspiración para o seu traballo creativo na súa Galiza natal. Máximo Ramos, Manuel Bujados e, sobre todo, Federico Ribas, serían os principais integrantes deste grupo.

"Eran artistas que figuraban na elite da ilustración e o deseño da época", declara Barro en conversa con Nós Diario. "É un momento histórico de gran desenvolvemento das artes gráficas e eles lograron estar na primeira liña. Pareceume oportuno aplicarlles o termo creado por Filgueira".

Barro pronunciou esta quinta feira, 27 de xuño, unha conferencia sobre esta Xeración triunfante no espazo Río Lagares de Vigo, onde debullou as características do contexto no que Ramos, Bujados e Ribas lograron impoñer as súas obras.

"Naquel momento, a súa profesión era a de debuxantes. Esa denominación comprendía o que hoxe designaría os oficios de ilustrador e deseñador. E eles, que residían en Madrid, atopaban a inspiración para as súas obras na Galiza, onde adoitaban pasar os veráns. E destinábanas a un mercado novo -fundamentalmente entre 1915 e 1936-, que se definía polo florecemento dos novos medios de comunicación e polos grandes avances técnicos que se dan nas artes gráficas", explica o deseñador.

 

Florecemento das artes gráficas

Aquelas melloras das artes gráficas propicia un panorama informativo, cultural e de ocio que se caracteriza polo florecemento de varios xéneros que experimentan unha grande expansión.

"En primeiro lugar, as revistas ilustradas, que xa tiñan un grande éxito entre o público pero que agora melloran  a súa capacidade de reprodución de imaxes. Editáronse milleiros de revistas de todo tipo -satíricas, especializadas, de información xeral...- nas que a imaxe xogou un papel fundamental. Os artistas máis relevantes publicaron nelas, conformando un extraordinario conxunto que constitúe un completo álbum da arte da época".

A publicidade, por outra parte, recibiu un enérxico impulso da proliferación destas revistas e, como detalla Barros, os autores das ilustracións e das capas das revistas tamén eran, con frecuencia, os responsábeis de deseñar os insertos publicitarios.

E nunha época onde o cinema aínda se estaba consolidando como medio de comunicación de masas, os cartaces que comezaban a colonizar as rúas transfórmanse na ferramenta de comunicación esencial non só no eido do comercial, senón tamén no cultural e no político. 

Finalmente, é nesta época cando prosperan os libros de quiosque, que constituían unha das fontes de ocio máis populares. "Eran coleccións de novelas curtas, editadas en pequeno formato e impresas en papel de prensa. E un dos elementos máis característicos destes volumes eran as capas, moi rechamantes para captar a atención". 

 

Os artistas

Nese contexto, os tres artistas escollidos por Pepe Barro desenvolven unhas carreiras de gran repercusión que, como tantas outras cousas, foron coutadas polo golpe de Estado de 1936. "Chegaron a ter un enorme prestixio, especialmente Federico Ribas".

Ribas, di Barros, é un personaxe absolutamente apaixonante. Nado en Vigo, embarca para a Arxentina con só 18 anos, e alí traballa como pintor publicitario e colabora en numerosas revistas gráficas. En 1912 está en París, vivindo a bohemia da época en Monmartre; e en 1916, en Madrid, comeza unha fulgurante carreira como director de arte, colaborando coa prestixiosa Blanco y Negro e co  ABC, e realizando ilustracións e portadas para libros. Publicista de Conservas Massó e da empresa francesa Gal de perfumería, creou para esta un estilo elegante, adscrito a art déco, de grande éxito popular.

"Din que, despois do golpe do 36, foi Massó -que estaba ben visto polos dirixentes franquistas- quen o pasou a Portugal no maleteiro do seu coche. No Museo de Pontevedra hai uns cartóns que lle encargou Castelao denunciando as atrocidades cometidas polos franquistas en Bueu, onde tiña unha casa. Nunca chegaron a imprimirse".

Máximo Ramos, pola súa parte, viviu unha vida máis irregular. "Estudou Artes e oficios e, mentres traballaba como delineante, comezou a facer cartaces e caricaturas. Emigrou a América (México, Cuba -onde colaborou con Galicia Gráfica e Labor Gallega-, os Estados Unidos, Guatemala e a Arxentina), onde realizou escenografías para teatro, murais e ilustracións. En Madrid alcanza un éxito considerábel traballando para La Ilustración Española y Americana -da que foi director artístico-, Diario Ferrolano, Blanco y Negro... Pero despois do golpe, acosado por problemas económicos, viuse obrigado a traballar para publicacións fascistas como Flechas y Pelayos ou Fotos.

Manuel Bujados, pola súa parte, convenceu o seu irmán para que lle financiase unha viaxe de estudos artísticos por Europa. "Sobre 1915 comeza a pintar para satisfacer unha necesidade interior. Era un lector voraz que pintaba cousas imaxinarias baixo unha forte influenza de Aubrey Beardsley. Pola súa temática escura, foi coñecido como El brujo ou El hechicero. En 1938 herdou a fortuna do seu irmán maior, instalouse na Arxentina e abandonou o deseño".

"Son tres figuras que hai que recuperar, tres exemplos de magníficos profesionais, pioneiros do deseño, a ilustración, a publicidade e mesmo da banda deseñada, que desenvolveron as súas carreiras nunha época apaixonante e chea de cor que tivo a súa fin no fatídico ano de 1936", conclúe Barro.

Comentarios