Fútbol

Rafael Louzán, novo presidente da Primeira Federación

O presidente da Federación Galega desde 2014 fíxose cargo, no ano 2022, da Segunda Federación.
O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. (Foto: RFGF)
photo_camera O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. (Foto: RFGF)

O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, pasará dirixir a Primeira Federación, a terceira categoría do deporte rei no Estado español, anteriormente coñecida como Segunda División B.

Así o avanzaba esta terza feira La Voz de Galicia e confirmárono a Europa Press fontes da contorna de Louzán, quen precisamente a finais de abril era ratificado como un dos vicepresidentes da xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

De feito, o presidente da Federación Galega desde 2014 fíxose cargo, no ano 2022, da Segunda Federación —o que antes era a Terceira División de fútbol—. Agora, pasará a substituír o catalán Joan Soteras á fronte da Primeira Federación.

Rafael Louzán ten unha dilatada traxectoria en política da man do PP. Foi presidente da Deputación de Pontevedra entre 2003 e 2015, así como do partido a nivel provincial desde o ano 2000 até 2016, cando tomou as rendas do mesmo o actual titular da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.

Louzán foi condenado a sete anos de inhabilitación polo Xulgado do Penal 3 de Pontevedra —sentenza ratificada pola Audiencia Provincial en 2022— por prevaricación na concesión de máis de 86.311 euros a unha empresa para unhas obras nun campo de fútbol en Moraña. Con todo, a Audiencia absolveuno entón dun delito de fraude nun veredicto contra o que avanzou que presentaría recurso de casación.

Comentarios