O Pescados Rubén Burela regresa á elite do fútbol sala

O equipo mariñao ascende a Primeira División tras empatar 5-5 e impoñerse na quenda de penaltis.
O Pescados Rubén Burela superou o UMA Antequera na quenda de penaltis tras finalizar o partido 5-5. (Foto: Sabela Blanco e Manu Gil).
photo_camera O Pescados Rubén Burela superou o UMA Antequera na quenda de penaltis tras finalizar o partido 5-5. (Foto: Sabela Blanco e Manu Gil).

Dúas temporadas despois, o Pescados Rubén Burela regresa á elite do fútbol sala após sumar o segundo punto da final ante o UMA Antequera na quenda de penaltis.

O pavillón de Vista Alegre, ateigado de público, gozou dun partido emocionante e cargado de goles no que os burelistas foron por diante a maior parte do tempo.

O encontro finalizou con empate a cinco tantos, o marcador non se moveu na prórroga e despois dunha quenda de penaltis que por momentos se fixo eterna, Kaluza detivo o décimo sétimo penalti, lanzado polo ex burelista Pope. O capitán Lucho levaba a éxtase ás bancadas do coliseo burelense co tanto definitivo que fixou o marcador final: 7-6.

Vantaxe para o Burela

O inicio do partido foi de control entre dous equipos que se coñecen moi ben. Leandrinho probouno primeiro para os antequeranos cun remate escorado que tapou ben Kaluza. Respondeulle Álex García cun disparo afastado fácil para Cone. O internacional polaco volveu intervir no minuto 7 cando Nando rematou á media volta. Entón chegou a réplica de Malaguti nun balón que foi ao lateral da rede da portería malagueña.

O primeiro tanto local produciuse nunha acción de estratexia que resolvía moi ben Ismael no corazón da área. O gol non lle afectou aos de Tete, que igualaron no minuto 16, cando Cobarro superou Álex García e bateu a Kaluza.

Ambiente no exterior de Vista Alegre na previa do Burela-Antequera. (Foto)
Ambiente no exterior de Vista Alegre na previa do Burela-Antequera. (Foto: Sabela Blanco e Manu Gil).

Antes do descanso Isma e Alberto volveron anotar para o Pescados Rubén Burela, que se retiraron con mellores sensacións e un gran botín.

Empate do Antequera

A segunda parte foi un exercicio constante de golpes entre os dous contendentes. O Burela aproveitou a inercia do final do primeiro período e anotou o 4-1 nun roubo de Ismael a Cone, que logo definía con calidade diante do meta visitante.

Cando o partido parecía que se lle poñía totalmente de cara para os mariñaos, os andaluces responderon con dous goles no minuto 25. Mais o dobre acerto non tumbou o Burela. Cos dous equipos xerando perigo, a Antequera atopou o empate a catro tantos nun envío de Alan de Candia que tocou Isma e foi para dentro.

Pero de novo o cadro local respondeu rápido, cun balón ao pau de Ismael nunha acción de pivote e un dobre penalti que transformou Álex García. A vantaxe do Burela esvaeceuse coa expulsión de Isma no minuto 35 por unha fea acción sobre Kiko. O Antequera non desaproveitou a oportunidade e con superioridade igualou o partido cun disparo de Leandrinho: 5-5.

Na prórroga apenas houbo ocasións, a pesar de que Tete probou con Davilillo de porteiro-xogador nos dous últimos minutos. O ascenso do Burela resolveuse desde os seis metros.

Escapou o primeiro punto

Pola súa parte, o conxunto feminino do Pescados Rubén Burela terá que gañar o vindeiro sábado en Navalcarnero (12.00 horas) para igualar a final e aspirar ao título de campioas da Primeira División Iberdrola, que podería resolverse en terras mariñás a cuarta feira 26, en Vista Alegre.

O primeiro punto escapoulle este sábado na quenda de penaltis. As da Mariña dominaron o partido e acariñaron a vitoria no último minuto da prórroga, pero a 15 segundos do final igualou a contenda o Futsi Atlético Navalcarnero. Con empate 3-3 o Pescados Rubén Burela perdeu 5-6 desde os seis metros.

Comentarios