Eurocopa

'Nós Diario' lanza a súa guía da Eurocopa 2024

Cada día, a partir do 6 de xuño, analizarase un dos grupos en liza no torneo.
Cristiano tornou en 2022 no primeiro xogador en marcar en cinco mundiais. (Foto: Europa Press)
photo_camera Cristiano tornou en 2022 no primeiro xogador en marcar en cinco mundiais. (Foto: Europa Press)

A pouco máis dunha semana para o comezo da Eurocopa, que terá lugar de forma íntegra en Alemaña, Nós Diario, como xa fixera coa anterior gran cita no panorama futbolístico internacional, o Mundial de Qatar 2022, lanzará a súa propia guía do torneo.

Deste modo, a partir de mañá, e de forma diaria, debullaranse en profundidade cada un dos seis grupos que conforman a competición, comezando polo 'A', integrado pola anfitrioa, Alemaña; Escocia, a única nación sen Estado que participa na Euro; Hungría e Suíza.

As distintas análises incluirán datos como os nomes dos seleccionadores e das estrelas de cada un dos combinados, as datas e horarios nas que se disputarán os distintos partidos desta primeira fase e un breve percorrido polas características e as posibilidades de cada un deles.

O Rácing de Ferrol renova Cristóbal Parralo

Coa Eurocopa a piques de monopolizar a atención futbolística, os clubs resístense a renunciar ao protagonismo que acaparan o resto do ano. Deste modo, o Rácing de Ferrol foi noticia por oficializar a renovación do contrato dunha peza chave no bo papel desempeñado polos Diaños Verdes na tempada 2023/24 que baixou definitivamente o pano a pasada fin de semana, Cristóbal Parrralo.

"Benvido de novo á túa casa, que está aquí", sinalou o presidente da formación galega, quen, exultante, non ocultou que confía no técnico para levar o equipo a grandes metas. "Aspiramos ao máis alto, sempre dentro das nosas posibilidades", engadiu o mandatario.

Parralo, pola súa parte, confesou que segue en Ferrol porque "cre" no proxecto "como no primeiro día". "Aquí traballo moi cómodo, o club é ambicioso e temos marxe de mellora",  dixo o andaluz, que esta terza feira perdeu un dos homes cos que máis contou na 2023/24, un Jesús Bernal que rematou contrato e asinará polo Sporting de Xixón.

Comentarios