A Mesa acusa Xunta e Estado de "amedrentar" as persoas que exixen ser atendidas en galego na Administración

Os xulgados de Compostela acollen esta segunda feira a vista xudicial polo recurso presentado polo rianxeiro Xosé Agrelo contra a multa de 600 euros que lle foi imposta por demandar nun centro de saúde de Rianxo que se lle atendese en galego durante un cribado de Covid-19 no ano 2021.
Protesta convocada pola Mesa ante os xulgados de Compostela para arroupar Xosé Agrelo. (Foto: Arxina)
photo_camera Protesta convocada pola Mesa ante os xulgados de Compostela para arroupar Xosé Agrelo. (Foto: Arxina)

Un trintena de persoas arroupou esta segunda feira nos xulgados de Santiago o home multado por exixir ser atendido en galego nun ambulatorio de Rianxo (O Barbanza), unha sanción recorrida pola vía xudicial e que para A Mesa pola Normalización Lingüística representa un exemplo da "clara conivencia" que existe entre a Xunta da Galiza e o Estado español para "negar sistematicamente" o dereito para comunicarse coa adminstración na lingua propia do país e "amedrentar" a quen demanda o cumprimento dos seus dereitos en materia lingüística.

Os xulgados da capital galega convocaron para esta segunda feira a vista xudicial polo recurso presentado polo rianxeiro Xosé Agrelo contra a multa de 600 euros que lle foi imposta por demandar nun centro de saúde de Rianxo que se lle atendese en galego durante un cribado de Covid-19 no ano 2021.

A sanción chega aos xulgados despois de esgotar a vía administrativa, na que a Subdelegación do Goberno estatal alegou que a multa —xa abonada, pero que a defensa, custeada pola Mesa, pide que sexa revogada— respondía a un asunto de "orde pública" denunciado pola Policía Local e que, por tanto, estaba desvinculada de calquera cuestión lingüística.

Antes de entrar no edificio, Agrelo agradeceu o apoio das persoas convocadas pola Mesa, cuxo presidente, Marcos Maceira, denunciou ante os medios de comunicación que no caso de Rianxo "conflúen" a "negativa" das administracións a velar polos dereitos lingüísticos da cidadanía e a "actitude" de Xunta e Estado de "amedrentar" as persoas que "queren usar o galego nos servizos públicos".

Por unha parte, Maceira asegurou que o Goberno galego "aínda segue negando a través dos funcionarios o dereito para usar o galego na propia Administración autonómica", ao que se suma a "clara conivencia" que, di, existe entre os executivos galego e español para "presionar" as persoas que exixen "con toda a dignidade" o cumprimento das normativas que amparan o dereito de seren atendidas en galego polo persoal funcionario.

"Non imos consentir todo isto. Poden ir tomando nota o señor [Alfonso] Rueda, o conselleiro de Cultura e Lingua [José López], o delegado do Goberno español [Pedro Branco] e o ministro do Interior [Fernando Grande-Marlaska]", aseverou o presidente da Mesa, que subliñou o compromiso de "resposta" ante "todos os casos que haxa de represión en pleno ano 2024 polo simple feito de usar o galego".

Maceira sinalou que "recentemente" se produciu outro caso dunha persoa que "tivo un incidente" na comisaría de Polícia de Pontevedra por cuestións lingüísticas e que no mes de xullo terá lugar un xuízo pola vía penal en Ourense contra un grupo de persoas "que están acusadas de defender a normativa vixente en relación á toponimia".

"Temos unha lingua propia e queremos vivir nela. Este é un dereito humano recoñecido a todos os niveis, que o Estado Español e a Xunta da Galiza deben garantir sempre e en todo lugar", concluíu.

Comentarios