Eleccións Europeas 9-X

A citación xudicial de Begoña Gómez e unha nova carta de Sánchez irrompen na campaña: "É unha ruda montaxe"

O presidente español cre que o anuncio da chamada a declarar á súa esposa é "un intento de interferir" no resultado das eleccións europeas.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nun mitin electoral do PSOE en Murcia. (Foto: Edu Botella / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nun mitin electoral do PSOE en Murcia. (Foto: Edu Botella / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, cualificou esta terza feira de "ruda montaxe" as acusacións contra a súa esposa, Begoña Gómez, que atribúe a "asociacións ultradereitistas", e considerou que se trata dun intento de interferir no resultado das eleccións europeas deste domingo. Díxoo nunha nova carta dirixida á cidadanía que publicou nas súas redes sociais e que non deixou ninguén indiferente.

Sánchez deixa claro que a súa decisión de continuar á fronte do Executivo é "máis firme que nunca", pero advirte á cidadanía que nos próximos días verá e escoitará "moito ruído". "Todo mentira, un gran bulo, un máis", asegura. Ademais, responsabiliza os líderes do PP, Alberto Núñez Feixoo, e de Vox, Santiago Abascal, e espera que atopen "a resposta que merecen nas urnas, condena e rexeitamento ás súas malas artes". En todo caso, asegura que non o "crebarán" e dá por feito que esgotará a lexislatura e que, por tanto, "quedan máis de tres anos de Goberno de progreso e avances".

"Habitualmente, seguiuse a regra non escrita de non ditar resolucións susceptíbeis de condicionar o desenvolvemento normal dunha campaña electoral e, por tanto, o voto dos cidadáns. Neste caso, resulta evidente que esta práctica non se respectou. Deixo ao lector extraer as súas propias conclusións", indica, sobre a proximidade dos comicios. Sánchez insiste en que tanto el como a súa esposa están "absolutamente tranquilos" porque "non hai nada detrás desta acusación, só unha ruda montaxe impulsada polas asociacións ultradereitistas demandantes".

O presidente español di que tanto el como Begoña Gómez saben que ela recibe estes "ataques" porque é "a esposa" —"non somos inxenuos", insiste—, á vez que volve defender que é unha muller traballadora e honesta "que reivindica o seu dereito a traballar sen renunciar a iso polas responsabilidades do seu marido".

As reaccións

As reaccións a esta carta, e á propia citación de Gómez, no tardaron en chegar. A vicepresidenta terceira do Goberno español e candidata ás europeas polo PSOE, Teresa Ribera, reiterou que o que está a suceder en relación á muller de Sánchez é "moi burdo". Ribera vinculou as decisións do xuíz coa falta de renovación no Consello Xeral do Poder Xudicial, que o PP mantén paralizada desde hai máis de cinco anos.

Desde a outra pata do Goberno de coalición, Yolanda Díaz, líder de Sumar, reprochou a través da rede social que o combate ante situacións de 'lawfare' "non vai de cartas", e remarcou que á "dereita se lle para con feitos". Tamén na esquerda, Ione Belarra, dirixente de Podemos, lamentou que Sánchez "sinale" a existencia de 'lawfare' na súa nova carta á cidadanía pero "non faga nada" para frealo.

Desde a oposición as críticas foron máis duras, pois o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, considerou que a nova carta do xefe do Executivo é "un insulto" aos xuíces, aos medios de comunicación e aos españois, ante o que chamou a "mobilizarse". E desde as filas populares pronunciouse tamén esta cuarta feira a súa candidata ás europeas, Dolors Montserrat, que cre "inconcibíbel" que Sánchez permaneza no cargo "sen dar ningunha explicación e após mentir todo o tempo e a todos á vez".

O líder do ultradereitista Vox, Santiago Abascal, seguiu esta mesma liña, asegurando que se trata doutro "exercicio de vitimismo e acto de propaganda electoral" cuxo obxectivo é "non dar explicacións".

Pola súa parte, a candidata de ERC e cabeza de lista da coalición Agora Repúblicas ás eleccións europeas, Diana Riba, pediu a Sánchez que loite contra o 'lawfare' no canto de publicar cartas e, textualmente, montar espectáculos: "O PSOE non é o que di, é o que vota". A eurodeputada afirma que tanto ela como outros moitos cataláns entenden o que é "pasar polo rolete dunha xustiza que, de forma evidente, quedou na era predemocrática", e referiuse a cando a súa parella, o ex conseller Raül Romeva, estivo en prisión 33 días baixo o Goberno do PP e 1.118 baixo un do PSOE.

Comentarios