Xustiza

O xuíz cita Begoña Gómez a declarar como investigada o 5 de xullo

A esposa do presidente Pedro Sánchez está acusada dun presunto delito de tráfico de influencias e corrupción nos negocios.
Begoña Gómez. (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Begoña Gómez. (Eduardo Parra / Europa Press).

O Xulgado de Instrución Número 41 de Madrid vén de citar a declarar a Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, o próximo 5 de xullo ás 10 horas, por presunto delito de tráfico de influencias e corrupción nos negocios. Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press confirmaron que o xuíz Juan Carlos Peinado interrogará Gómez despois de escoitar —o vindeiro domingo 16 de xuño— varios cargos de Red.es que comparecerán en calidade de testemuñas.

Gómez terá que acudir o 5 de xullo co seu avogado, o ex ministro socialista de Interior Antonio Camacho, quen a representa neste procedemento. Ao comparecer como investigada, poderá acollerse ao seu dereito a non declarar ou responder só as preguntas do seu letrado. A esposa do xefe do Executivo español non terá obriga de contestar ao resto de partes, incluída a Fiscalía ou as acusacións populares exercidas por Manos Limpias, Vox ou Movimiento de Regeneración Política de España.

O instrutor abriu dilixencias de investigación o pasado abril ao admitir a trámite a denuncia que presentou Manos Limpias contra Gómez, a quen acusaba de actuar "facéndose valer do seu status persoal" como esposa do presidente do Goberno.

"Veu recomendando ou avalando por carta de recomendación coa súa firma empresarios que se presentaban a licitacións públicas", denunciaba o sindicato, que apoiou a súa denuncia no publicado por varios diarios dixitais e de papel, así como o coñecido por faladoiros televisivos. Unha serie de informacións que a propia entidade denunciante acabou por recoñecer que poderían ser falsas.

A Audiencia Provincial de Madrid avalou a decisión de levar a cabo a investigación, aínda que reprochou ao xuíz que decretase o secreto das actuacións. Os maxistrados rexeitaron o recurso da Fiscalía —que pedía o arquivo das dilixencias— ao entender que si existían "datos obxectivos suficientes que lexitiman o inicio da investigación" no relativo ás adxudicacións da Administración Pública á empresa Innova Next SLU, do empresario Juan Carlos Barrabés.

Comentarios