As políticas fiscais da Xunta deixan Galiza sen 2.382 millóns

O informe do Consello de Contas (ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego) publicado esta semana sobre o sistema de financiamento advirte de que entre 2009 e 2021 hai unha fenda de 2.382 millóns de euros entre o que se calculaba recadar e o que finalmente se recadou.
grafica-web
photo_camera A recadación na Galiza desde 2010 está por baixo do que tributariamente se considera posíbel (Gráfico: Nós Diario)

A capacidade tributaria normativa e a capacidade tributaria real na Galiza están separadas, entre 2009 e 2021, por unha distancia de 2.382 millóns de euros. A primeira —a normativa— é o cálculo obrigado por lei, que se fai para obter os recursos por cada imposto na comunidade. A segunda —a real—, é o importe efectivo que ingresa a comunidade por cada tributo.

Aquelas comunidades que incrementen a presión fiscal ou melloren a súa eficiencia na xestión dos tributos quedarán con todos os ingresos adicionais obtidos por esta vía, mentres que aquelas que apliquen recortes tributarios ou xestionen de forma "ineficiente" os seus tributos "soportan os custos íntegros das súas actuacións, sen que o sistema de financiamento compense a perda de ingresos", indica o Consello de Contas no seu último informe.

E isto é o que aconteceu na Galiza ao longo destes 12 anos. No período 2009-2021, o efecto acumulado da diferenza entre os ingresos que se ían obter e os obtidos finalmente suma os 2.382 millóns de euros.

Taxas sobre o xogo

No último ano analizado neste documento, 2021, os datos mostran que, en termos absolutos, a capacidade tributaria real é inferior á capacidade normativa en 257 millóns de euros. "Esta desviación dáse fundamentalmente nos tributos cedidos, en especial nas taxas sobre o xogo, cunha diferenza de 207 millóns de euros, e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, cunha diferenza de 56 millóns". Nestes anos a Xunta da Galiza aínda non aplicara algunhas das súas medidas fiscais máis recentes, como a da rebaixa do Imposto de Patrimonio. No informe, Contas tamén recomenda que a Xunta mellore a súa capacidade tributaria e a transparencia das súas rebaixas e bonificacións de impostos.

Continuidade

Noutro recente informe, que o Consello de Contas entregou no Parlamento galego a principios deste mes de maio, cifra en ao redor de 600 millóns o custo real que en 2022 —ano analizado nese estudo— tiveron os recortes fiscais e rebaixas de impostos e tributos do Goberno galego nese exercicio, último de Alberto Núñez Feixoo como presidente e de Alfonso Rueda vicepresidente. O informe calcula en 260 millóns de euros o custo no mencionado exercicio das rebaixas do imposto de sucesión e doazóns, e en máis de 184 millóns o custo polo recorte no imposto de patrimonio.

O das rebaixas no tributo de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados cífrase en máis de 185 millóns.

O Goberno de Alfonso Rueda defendeu nestes dous anos as políticas de recortes fiscais indicando que estas implicaban un "alivio" para as contribuíntes e as familias. Mais tamén, deixa entrever o Consello de Contas, implica unha mingua importante de fondos para atender servizos esenciais.

Comentarios