O actual sistema de financiamento deixa Galiza cun déficit anual de 1.535 millóns

O modelo é incapaz de cubrir os custos dos servizos básicos.
Contas cifra entre 2009 e 2021 o déficit por galego en 559 euros. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Contas cifra entre 2009 e 2021 o déficit por galego en 559 euros. (Infografía: Nós Diario)

O actual sistema de financiamento autonómico aprobouse en 2009 e tiña data de caducidade: 2014. Porén, 10 anos despois, o sistema continúa vixente e pendente dunha modificación que se demanda desde múltiples voces. Esta cuarta feira o Consello de Contas publicaba o Informe sobre os resultados para Galiza do sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común 2009-2021, un completo estudo elaborado a solicitude do Parlamento galego por este ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego.

O documento, de 94 páxinas, apunta unha conclusión clarificadora: co actual sistema, a Galiza acumula cada ano unha media de 1.535 millóns de euros de déficit. "O gasto da Galiza anual de media en servizos básicos (referido a sanidade, educación e promoción social) é de 6.859 millóns de euros, mentres a liquidación do Fondo de Garantía que financia estes servizos alcanzou os 5.324 millóns anuais. Isto lanza un déficit anual de 1.535 millóns de euros", afirma o Consello.

De feito, o órgano fiscalizador cifra en ao redor de 20.000 millóns o déficit de financiamento autonómico da Galiza entre 2009 e 2021. Por habitante, supón un déficit medio anual de 559 euros. Na senda de crecemento do financiamento autonómico que se mantivo até 2019, a Galiza foi das que menos creceu.

En contra da dinámica xeral das comunidades, na Galiza a perda sistemática de poboación total e axustada incidiu nesa dinámica dos recursos. O peso relativo dos recursos da Galiza no sistema de financiamento autonómico descendeu de 7,1% no exercicio 2010 a 6,6% no 2021.

Rebaixa de impostos da Xunta por riba da media

Contas tamén analiza a marxe da que dispoñen as comunidades para elevar ou reducir os tributos cedidos. Aquí, conclúe o Consello que a Galiza presenta unha capacidade fiscal seis puntos por baixo da media do resto de territorios do Estado e unhas necesidades de gasto sete puntos por riba da media das autonomías.

Nos exercicios 2021 e 2022 visualízase na Galiza un cambio de tendencia nos efectos do exercicio desas medidas tributarias, cun saldo negativo na recadación que reflicte que os beneficios fiscais superan as medidas de incremento de recadación.

Recomendacións

No apartado de recomendacións, o Consello de Contas aposta por "defender un modelo baseado na suficiencia global de recursos, na nivelación total e distribución en proporción ás necesidades reais de gasto".

Comentarios