A Guarda homenaxea Brasilino Álvarez, o último alcalde republicano fusilado no 36

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e da Fosa Común de Sestás lembrou este sábado, 15 de xuño, a Brasilino Álvarez (1894-1936). 
Membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Camposancos acompañan a filla de Brasilino Álvarez. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Camposancos acompañan a filla de Brasilino Álvarez. (Foto: Nós Diario).

Foi o 15 de xuño de 1936 cando Brasilino Álvarez tomou posesión do seu cargo, o mesmo ano no que sería executado pola dictadura franquista por defender os seus ideais e ser leal á República.

88 anos despois, coincidindo coa data na que Álvarez accedeu á Alcaldía da Guarda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa de Sestás renderon homenaxe ao rexedor executado na Alameda en Tui o 9 de decembro de 1936, no lugar da Figueira, no barrio da Cruzada, onde tiña a súa casa Brasilino Álvarez.

Aquel 9 de decembro, canda a el, foron executados tamén Camilo Carrero Lorenzo dirixente socialista; Juliano Díez Álvarez, Francisco Lloret Gándara, Manuel Vicente Portela e Adelaido Barreiro Sueiro, membros, os dous últimos, da Federación Obreira da Guarda.

No acto tomou a palabra o investigador local José Antonio Uris Guisante, quen rememorou pasaxes da vida do último alclade republicano da vila, anécdotas da emigración a Puerto Rico onde fixo fortuna, coma outros guardeses, e do seu regreso á vila natal con novas ideas para mellorar a vida da veciñanza

Uris Guisante gabou o compromiso e a militancia de Álvarez no Partido Galeguista, así como "a súa valente resistencia a dimitir do seu cargo e deixalo en mans dos facciosos".

Memoria no Biaxo Miño

No acto de homenaxe leuse parte do discurso que Brasilino deu cando tomou posesión do cargo de alcalde, e unha carta de despedida escrita a un parente na que pide que coiden da súa muller e fillos horas antes de ser executado.

Filla e netos de Brasilino Álvarez asistiron na Figueria ao acto de homenaxe e ao descubrimento dunha placa conmemorativa na que se lembra do pai e avó na corporación guardesa da II República.

Segundo destacaron as entidades pola memora do Baixo Miño, na comarca aínda quedan moitas homenaxes pendentes porque, "despois de tomaren Tui o 26 de xullo do 36, as tropas sublevadas entraron arrasando".

Nos concellos da contorna moitos representantes das institucións e dos sindicatos foron encarcerados e levados presos ao cárcere de Tui e outros directamente paseados e asasinados en diferentes lugares.

Un deses presos foi o entón alcalde da Guarda, Brasilino Álvarez. E non foi o único representante local da bisbarra, "pois tamén prenderon o alcalde do Rosal e o de Tomiño, mentres que o de Tui, Guillermo Vicente de Santiago, conseguiu fuxir ao monte Aloia xunto con Antón Alonso Ríos, pois formaban parte do Comité de Defensa da República que estivera organizando a resistencia en Tui e lograra impedir a entrada dos sublevados durante uns días na zona da Volta da Moura".

Brasilino Álvarez, ao igual ca outros guardeses, foi detido en agosto. Canda el tamén foron apreixados Francisco Lloret, Manuel Vicente e Camilo Carrera, logo fusilados en Tui no mesmo día 9 de decembro.

Comentarios