'A nosa memoria silenciada' conmemora os 25 anos do Monumento aos Represaliados de Tui

Xa se pode visitar no Edificio Francisco Sánchez de Tui a exposición homenaxe á Comisión Cidadá Pola Verdade do 36 que ideou a colocación dun monumento para honrar e dignificar todas as vítimas da represión.
Inauguración da mostra 'A nosa memoria silenciada' en Tui. (Foto: Santiago Baz).
photo_camera Inauguración da mostra 'A nosa memoria silenciada' en Tui. (Foto: Santiago Baz).

Aquela iniciativa culminou coa inauguración en xuño de 1999 da escultura de Silverio Rivas que se pode ver na Alameda de San Domingos da vila de Tui (Baixo Miño), unha obra que representa todas as persoas executadas, paseadas, exiliadas e silenciadas tras a Guerra Civil.

No 25 aniversario do Monumento aos Represaliados, este sábado inaugurouse a mostra 'A nosa memoria silenciada' unha das actividades que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña organiza con motivo desta efeméride.

A exposición, comisariada por Cuqui Piñeiro, pretende homenaxear a todas as persoas que fixeron posible a instalación do monumento e ás persoas que sufriron a represión na bisbarra.

Na presentación interviñeron, ademais de Piñeiro a presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Helena Pousa; o historiador, Bieito Alonso; o alcalde, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Cultura, María Sonsoles Vicente, en representación da corporación municipal.

A memoria

'A nosa memoria silenciada' divídese en catro seccións. A primeira parte contén información sobre o grupo que promoveu a instalación do monumento, denominado Comisión Cidadá pola Verdade do 36, do que formaba parte Mario Rodríguez, pintor de Figueiró, fillo de  Isaura Gómez e Francisco Rodríguez Otero, secretario do concello de Tomiño na II República, asasinado en Mondariz xunto con Hipólito Gallego, mestre en Forcadela.

 A comisión pola Verdade do 36 mantívose activa ata o ano 2010 promovendo numerosos actos nos concellos do Baixo Miño e colaborou no filme sobre Antón Alonso Ríos dirixido por Víctor Coyote, en 2008.

Clara Pousa, Cristal Martínez, Ramón Fernández Leal e a comisaria Cuqui Piñeiro. (Foto: H. Pousa).
Clara Pousa, Cristal Martínez, Ramón Fernández Leal e a comisaria Cuqui Piñeiro. (Foto: H. Pousa).

A parte da mostra acolle obras de 25 artistas que colaboraron coa doazón da súa obra para recadar fondos para a construción do monumento. Eses mesmos artistas volven estar nesta exposición, aínda que algúns deles xa faleceron, como Xavier Pousa ou José Luís Méndez Lis. Sen a xenerosidade destes artistas, salientou Cuqui Piñeiro, non serían posíbeis proxectos colectivos tan complexos como o que agora celebran, e máis "nunha época en que aínda se percibía o pesado silencio imposto pola ditadura".

A terceira sección da exposición amosa os bosquexos e maquetas feitas polo escultor Silverio Rivas, así como fotografías de como se foi levantando o monumento na alameda en Tui. Por último, nas paredes laterais, están expostos os nomes das vítimas mortais (executadas ou paseadas) do Partido xudicial de Tui nos anos da guerra.

Até mediados de xullo

Bieito Alonso, quen formou parte da Comisión Cidadá pola Verdade do 36, rememorou todas as actividades previas realizadas desde o ano 1997 e as dificultades encontradas, xa que o monumento en honra das vítimas da represión "non foi aceptado de bo grado por unha parte da sociedade tudense". Con todo, o esforzo pagou a pena, dixo, ao lembrar o día da inauguración e a presenza de moitas persoas "seguramente á espera dese recoñecemento público".

Helena Pousa, en nome da comisión pola memoria do Baixo Miño indicou que esta nova asociación continúa o labor iniciado xa no século pasado, coa promoción de actos e recoñecementos en toda a a comarca.

Inauguración da mostra 'A nosa memoria silenciada'. (Foto: H. Pousa).
Inauguración da mostra 'A nosa memoria silenciada'. (Foto: H. Pousa).

A inauguración da mostra finalizou coas palabras de Enrique Cabaleiro, quen lembrou o antigo alcalde da corporación municipal, Antonio Rocha, "que tivo a coraxe de permitir naqueles tempos o levantamento dun monumento destas características na cidade de Tui". Manter a memoria viva, concluíu, "é fundamental para evitar que as ideas fascistas penetren nunha xuventude desinformada".

A mostra pódese visitar até o 14 de xullo, en horario de mañá e de tarde no mes de xuño e só pola mañá de 11.00 a 13.00 horas, en xullo.

Comentarios