60 anos da chegada de Syd Barrett a Londres: así foron o nacemento e os inicios de Pink Floyd

Syd Barrett (Foto: Mick Rock).
Unha fabula une Syd Barrett co mosteiro de Oseira.

Corría o verán de 1964, hai exactamente 60 anos, e Roger Keith Barrett, mais coñecido como Syd Barrett (guitarrista e primeiro líder de Pink Floyd), chegaba a Londres. Aos seus 17 anos, mudábase do seu Cambridge natal á capital do Reino Unido para estudar no Camberwell College of Art. Non tardou en atoparse co seu antigo amigo Roger Waters (baixista de Pink Floyd), que compartía piso con Nick Mason (batería de Pink Floyd).

Waters e Mason tiñan por aquel entón unha banda, xunto con Richard Wright (organista de Pink Floyd), chamada Screaming Abdabs. Con todo, non foi Barrett o primeiro en unirse aos seus colegas, senón que así o fixo o seu amigo Bob Klose. Precisamente este último recrutou un novo cantante para a banda, Chris Dennis, e o grupo cambiaba o seu nome para The Tea Set.

Segundo conta Hugh Fielder no seu libro Pink Floyd detrás do muro, logo dunha época centrado en estabelecerse na escola de arte, Barrett mudouse con Waters e Mason á casa que estes tiñan en Stanhope Gardens, o lugar onde nacería a mítica banda. Syd comezou a deixarse caer polos ensaios mentres que Dennis, que non encaixaba co estilo dos seus compañeiros, foi expulsado da formación.

Syd Barrett achegou algunhas das súas composicións á banda, e a base de improvisacións no local de ensaio, foi facéndose un oco no grupo. O seu estilo tan persoal e desordenado encaixou moi ben co órgano de Wright desde o principio, mais non se entendía cun Klose moito máis convencional e estruturado.

Aínda en 1964 e xa con Barrett integrado no grupo, foron acompañantes nun concerto de The Tridents, banda na que tocaba un mozo chamado Jeff Beck, que pouco despois substituiría a Eric Clapton como guitarrista de The Yardbirds. Coa chegada do Nadal, gravaban a súa primeira demo de catro temas para amosar a posíbeis contratatantes.

Por que se chamaron Pink Floyd?

A banda coincidiu nunha actuación en 1965 con outro grupo que tamén se facía chamar The Tea Set. Nese momento, Barrett tomou os nomes de dous artistas de blues que eran pouco coñecidos e que formaban parte da súa colección de discos, Pink Anderson e Floyd Council, e mesturando os dous, pasaron a chamarse The Pink Floyd Blues Band.

En verán, tras fracasar Klose nos seus exames de primeiro ano, este deixou o grupo e levou con el unha boa parte dos elementos blues da banda. Barrett, Waters, Wright e Mason continuaron coa banda, que pasou a chamarse The Pink Floyd Sound. Naquel verán, nunha viaxe de volta a Cambridge, un amigo gravou a Barret tomando setas alucinóxenas, nun vídeo que anos máis tarde se converteu na película Syd Barrett’s First Trip.

Barrett tamén viaxou a Francia naquela época estival para visitar os seus antigos compañeiros de estudos Stornm Thorgheson e David Gilmour (guitarrista de Pink Floyd). Precisamente este último, así como o consumo de drogas de Barrett, xogarán un papel clave na historia do que pouco máis adiante será Pink Floyd.

O primeiro contrato

Peter Jenner, profesor da London School of Economics, nunha actuación espontánea na rúa de The Pink Floyd Sound en xuño de 1966, enmarcada no movemento underground da época, quedou marabillado co que escoitaba. Correu a coméntalo co seu colega da escola Andrew King, e rapidamente fixeron unha oferta ao grupo. “Farémosvos máis grandes que os Beatles”, dixeron aos mozos da banda.

O grupo, ao que aínda lle custaba conseguir actuacións fóra do circuíto underground das rúas, sospeitou de tan entusiasta proposta, polo que decidiu marchar de vacacións polo verán sen aceptar a oferta. Á súa volta, Jenner e King volveron facer a mesma proposta á banda, engadindo a promesa dun equipo novo. Desta maneira, xa de volta en Londres, The Pink Floyd Sound aceptaba o seu primeiro contrato e xa tiñan representantes.

As experiencias co ácido

Durante as súas vacacións en Grecia, Waters e Wright probaron o LSD. A experiencia co ácido foi moi profunda para o primeiro, aínda que non sentía a necesidade de repetila. Pola súa parte, Barretts probou esta droga en Cambridge, mais para el a viaxe resultou moito máis absorbente, o que o levou a seguir experimentando coa substancia.

Neste contexto ten lugar o seu primeiro espectáculo da man de Jenner e King, o 30 de setembro de 1966, chamado Taller de Son e Luz. Non houbo moita xente, mais dous estudantes dos EUA comezaron a proxectar imaxes vangardistas mentres tocaban, xerando unha atmosfera moi especial. A nova espallouse, e a segunda actuación case esgota as entradas.

“Cada noite era un completo balbordo porque facíamos cousas totalmente novas e ningún de nós sabiamos como reaccionarían os demais”, explicaba Richard Wright sobre uns espectáculos que se converteron nunha auténtica sensación pola súa vertente experimental e pola mestura da música coas luces que realizaban.

Neste contexto, foron chamados para actuar nun acto benéfico para o lanzamento do xornal International Times, o 15 de outubro. Neste evento, deciden eliminar Sound do seu nome e presentarse como Pink Floyd, nace oficialmente a que probabelmente sexa a banda máis importante do rock progresivo. Nesta primeira posta en escena baixo a denominación definitiva, acoden máis de 2.000 persoas, entre elas o beatle Paul McCartney, que foi de incógnito con vestimenta árabe.

O salto á discográfica EMI

Despois de dar o gran salto de ser recoñecidos entre o público e na prensa do Reino Unido, decidiron a comezo de 1967 gravar unha nova demo para enviar ás discográficas. Tras probar de forma caseira, finalmente conseguen un favor para producir dúas pezas no Sound Techniques, en Chelsea, baixo o mando do cineasta Peter Whitehead.

Un dos temas foi o psicodélico e recoñecido Interstellar Overdrive, composto por Barrett. Ademais, un breve extracto da gravación apareceu no filme Tonite Let’s All Make Love in London, mentres que a secuencia completa aparecería despois na banda sonora da película.

Porén, Elektra Records rexeitou levar Pink Floyd. Ante isto, o representante Bryan Morrison recomendou a Jenner e King que a banda gravase outra demo para levar a EMI. Incluíron dous temas do seu repertorio, entre eles o que pouco despois sería o primeiro sinxelo da banda, Arnold Layne. Finalmente conseguiron fichar por esta importante discográfica.

A mellor publicidade que conseguiu Pink Floyd co primeiro sinxelo foi que a emisora Radio London prohibise a canción por ser “demasiado indecente”. Arnold Layne era unha historia real sobre un home que roubaba roupa interior feminina nas cordas de tender na cidade de Cambridge.

Comezaban tamén as sesións de estudio, e ao pouco de empezar, romperon catro micrófonos de alta gama nos estudios nunha nova gravación da psicodélica peza Interstellar Overdrive. Mentres tanto, The Beatles estaban gravando ‘Sgt. Peppers’s Lonely Hearts Club Band’ no estudio do lado. McCartney, que xa coñecía Pink Floyd, achegouse con George Harrison e Ringo Star para ollar como ía o traballo do novo fichaxe da discográfica EMI. “Quedámonos alí sen movernos, entusiasmados”, explicaba Roger Waters tempo despois.

Pouco despois volveron tocar en beneficio do International Times, as 10.000 persoas que os foron ver tiveron que agardar até o amencer, xa que a banda volveu ás présas tras participar nun programa de televisión nos Países Baixos. Neste festival, ademais, compartiron cartel con artistas como Yoko Ono, e John Lennon apareceu no seu Rolls Royce pouco despois de ver información sobre o evento nunha cadea televisiva.

Por fin, co segundo sinxelo, See Emily Play, máis poderoso musicalmente e tamén máis comercial, Pink Floyd conseguiu entrar por primeira no Top 10 das listaxes de éxitos, algo que o grupo perseguía con ansía e que lle levou a aparecer en ocasións sucesivas no mítico programa televisivo Top of the Pops.

Comezan os problemas de saúde mental

Mais non todo era perfecto para a banda. Xusto cando todo comezaba a ir moi ben, deron inicio os problemas de saúde mental de Syd Barrett, acentuados polo inxente consumo de substancias estupefacientes, especialmente de LSD. Así o percibiu o seu amigo David Gilmour durante unha visita a Londres. “Syd era unha persoa distinta”, lembraba o guitarrista.

A pesar diso, a axenda de Pink Floyd era moi apertada, só no mes de xuño realizaron 35 actuacións. A finais de mes, Waters comezou a substituír as voces dun Barrett fóra de si nos concertos e que non era quen de tocar a guitarra a xeito. Ante esta situación, os representantes cancelaron todos os concertos de agosto e a banda marchou a Illes Balears. Con todo, Barrett era o líder e principal compositor, os seus compañeiros sentían que o necesitaban para a creación musical.

O primeiro disco, o único con Syd Barrett

A cancelación dos concertos e a marcha de vacacións non evitou que antes, a comezos de agosto, Pink Floyd lanzase o seu primeiro álbum, o histórico ‘The Piper at the Gates of Dawn’, de agosto de 1967, considerado a biblia da psicodelia británica. Aínda sen estar os músicos dispoñíbeis para facer a promoción do disco, este chegou ao posto número seis das listaxes de vendas e provocou a aparición de grupos que querían facer o mesmo estilo que eles.

En setembro a banda volveu ao traballo, comezou a gravar temas para un novo disco e a compoñer outras, e todo mentres daban varios dos espectáculos cancelados no mes anterior. En outubro, chega a primeira xira polos Estados Unidos de América, onde nada máis chegar foron acompañantes de Janis Joplin en San Francisco. Con todo, a xira non chegou ao seu fin, pois había momentos nos que Barrett non era quen nin de facer playback, polo que volveron a casa.

Porén, no canto de parar, saíron de novo de xira polo Reino Unido como acompañantes de Jimi Hendrix durante tres semanas. Lograr que Barrett saíse ao escenario era unha odisea cada noite, e cando non o conseguían, este era substituído por Davy O’List, da banda The Nice, que tamén era parte da xira de Hendrix.

Pouco antes do Nadal, os demais membros de Pink Floyd puxéronse en contacto co amigo de Barrett, David Gilmour, cuxo grupo se separara, tras o que se mudou de París a Londres. Coa chegada do ano 1968, o guitarrista foi integrado en Pink Floyd, sen probas nin audicións, de forma directa. Antes preguntaran a Jeff Beck, mais a este non lle interesou a proposta.

“Unha época difícil e estraña. Aprendía e tocaba as partes de Syd, cantaba as súas cancións mentres el estaba alí, de pé, ás veces cantando un pouco e ás veces tocando un pouco. Moi raro”, explicaba Gilmour sobre eses momentos nos que Pink Floyd tivo cinco membros.

Como se relata no libro de Hugh Fielder, o Pink Floyd de cinco membros tan só durou catro concertos. O 29 de xaneiro de 1968, Waters, Gilmour, Wright e Mason subíronse ao seu Bentley para ir a un concerto na University of Southhampton. Nun momento dado, un preguntou: Pasamos a recoller a Syd? Outro dixo: Non.

O resto é historia, Pink Floyd continuaría sen o seu primeiro líder e seguramente o máximo impulsor da banda nos seus primeiros momentos, Syd Barrett, quen despois sacaría dous novos álbums en solitario, os dous no ano 1970, ‘The madcap laughts’ e ‘Barrett’.

A fabula do mosteiro de Oseira

O compostelán José Ángel González escribiu na revista La Naval unha fabula ficticia na que Syd Barrett se instalaba entre os anos 1976 e 1977 no mosteiro de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea (comarca do Carballiño), onde gravaba o que sería o seu terceiro e último disco baixo o título de ‘Spanish grass (twenty songs about space and siesta)’.

Até tres temas, Eu son Dhaga (I am Dhaga), Na outra banda (On the other hand) e Un poeta esquece os días de chuvia (A poet forgets the rainy days), estarían titulados en galego. O álbum sería editado en vinilo a finais de 1978 por unha discográfica pirata da Coruña, Nonsense Music, quen recibiu dun membro do mosteiro a única cinta que utilizara Barrett.

A historia, con todo luxo de detalles, causou sensación. E de boca en boca pasou de ser unha fabula ficticia a unha historia real. Incluso algún medio de comunicación de importancia chegou a facerse eco da aventura galega de Syd Barrett. Con todo, non foi así, nin viviu na Galiza nin existe ese hipotético terceiro traballo en solitario do primeiro líder de Pink Floyd.