MÁIS

Abadín baila A Rumboia

Lambe Lambe traendo a súa música á primeira edición do Rumboia Viva, en 2023. (Foto: Festival Rumboia Viva)
O festival reivindica de novo a vida no rural

Aló polo ano 2007, o grupo de folk A Quenlla sacou o seu disco 17 cancións de troula, entre as que se atopaba Rumboia. 14 anos despois, un grupo de mozos e mozas de Abadín (A Terra Chá) apostou por crear unha sociedade para revitalizar a vida no rural. Foi así como naceu a Asociación Xuvenil A Rumboia, coa intención de darlle vida a Abadín.

O ano pasado, decidiron crear o Festival Rumboia Viva. No seu programa incluían concertos e actividades para todas as idades. Este sábado decorrerá a segunda edición do festival no Campo da Feira de Gontán (Abadín) a partir das 16 horas. O marco musical fórmano diferentes artistas do panorama actual da Galiza, como Grande Amore, Lontreira, Mondra e Familia Caamagno. Os DJs Yaya e Peabody tampouco faltarán. As regueifas e o toque de música tradicional veñen da man da Asociación Cultural Andrade, natais de Vilalba (A Terra Chá).

Ademais de música, Rumboia Viva contempla diferentes actividades gastronómicas, como unha degustación de viño da adega Pincelo e bolos de pan. Terá lugar tamén o II Mercado de Artesanía. Para animar a cativada e, inclusive, os maiores, haberá un obradoiro de diferentes xogos tradicionais da man de Xotramu.

Esta segunda edición de Rumboia Viva tamén busca fomentar a creatividade e por iso trae dous obradoiros. Ambos requiren de inscrición previa. No primeiro deles explicarase como crear flores a base de limpapipas. Por último, Lixo Atelier presentará unha interesante actividade na que se empregarán os desfeitos que chegan as nosas praias para elaborar incríbeis pezas de artesanía.