AELG réndelle homenaxe a Luísa Villalta no Teatro Rosalía da Coruña

Luísa Villalta (Foto: Xosé Abad).
Un recital poético-musical lembrará a protagonista do Día das Letras

O vindeiro 25 de setembro, ás 19.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asocación de Escritores e de escritoras Lingua Galega (AELG) celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento e na secuencia das homenaxes que se lle renderon en 2004 e 2014.

O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán. Ademais, intervirán lendo textos arredor de Luísa Villalta, Ana Romaní, Antía Otero, Daniel Asorey, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Henrique Rabuñal, Marga do Val, Marica Campo, Marta Dacosta, Miro Villar e Mª Pilar García Negro. 

Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega, tanto no ámbito musical coma no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre desde unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións, colectivos e proxectos de diversa índole, entre as que destaca a súa participación no Consello Directivo da AELG.

Foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta. A súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra da Galiza, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.