O ‘Alba de Gloria' volve ao Pico Sagro da man de Felipe Senén

Felipe-Senén dirixíndose aos asistentes ao acto da asociación O Galo e Vagalume no Pico Sagro. (Foto: Nós Diario).

Ducias de persoas volvéronse reunir este sábado no Pico Sagro na tradicional lectura do Alba de Gloria de Castelao que se vén desenvolvendo neste monte de Boqueixón, na comarca de Compostela, desde 2011

A suba ao Pico Sagro é un dos actos de referencia nas xornadas previas ao Día da Patria Galega. A actividade, promovida polas Asociacións Culturais Vagalumes da Estrada e O Galo de Santiago de Compostela, lembra as celebracións clandestinas do Día da Patria Galega organizadas polos nacionalistas, con Daniel Castelao á cabeza, para fuxir da prohibición da data decretada pola ditadura de Miguel Primo de Rivera en boa parte dos anos 20.

O convidado especial nesta xornada foi Felipe-Senén, a quen correspondeu pronunciar o discurso de benvida ás 12 horas no cumio do monte. Felipe-Senén é secretario da Real Academia Galega de Belas Artes, exdirector do Museo Arqueolóxico da Coruña, museólogo, historiador da cultura galega é autor dun ampla obra ensaística sobre o país.

Felipe-Senén considera que “un país cunha grande historia e con grandes mitos como o noso precisa dun lugar emblemático, unha paraxe grandiosa e simbólica que represente esa grandeza". Nesta liña, entende que “ese lugar é o Pico Sagro. É importante que exista ese espazo que resuma e faga recoñecíbel para todos e todas a idea de nación galega".

“Os bos e xenerosos”

"Esa suba a pé ao monte", asegurou Felipe-Senén “non deixa de ser unha réplica do Camiño, que resume no seu itinerario os fundamentos da nosa cultura: o panceltismo e o cristianismo primitivo, o que estaba presente no culto priscilianista e que, dalgunha maneira, continuaron Basilio Álvarez, Moncho Valcarce ou Francisco Carballo: unha forma de humanismo que se resume, aínda que pareza un tópico, na frase de os bos e xenerosos

O historiador fixo do seu discurso de benvida “unha chamada a recuperar o común: a auga que nos quere roubar a macrocelulosa que pretenden instalar no corazón do país [a pasteira de Altri na Ulloa]; a terra que nos arruínan co monocultivo do eucalipto; e mesmo o vento do que se apropian inzando de muíños eólicos por toda a nosa xeografía".

Unha vez rematada a intervención de Felipe-Senén tomaron a palabra os integrantes da Asociación Cultural Lucenza-Ateneo de Nigrán, encargados este ano de dar lectura ao Alba de Gloria, un discurso pronunciado por Castelao no exilio arxentino con motivo do Día da Patria Galega do ano 1948.

Agasallo de 'Nós Diario'

O Alba de Gloria, que Nós Diario agasallará gratuitamente coa súa edición en papel o 25 de xullo, é unha explicación da cuestión nacional galega formulada por Daniel Castelao a través dunha viaxe pola historia da Galiza desde momentos iniciais da súa conformación como realidade diferenciada no espazo europeo.

Os asistentes visitarán ao remate deste acto a chamada cova da Raíña Lupa e ás 15:00 horas desenvolverase un xantar de confraternidade entre todos os presentes a esta actividade de referencia das vésperas do Día da Patria Galega.

Un ano máis, a xornada finalizará cun roteiro pola comarca do Ulla, sobre á que pesa unha grande ameza ambiental como consecuencia da decisión de Altri de erguer unha celulosa en Palas de Rei, que vertería os seus residuos ao río de Ulla, do que se serve de auga a veciñanza da zona.