Antonio Baños, o TTIP e a política, na Semana Galega de Filosofía

A política é o tema a tratar nesta trixésimo terceira edición da Semana Galega de Filosofía que terá lugar do 28 de marzo ao 1 de abril en Pontevedra e que reunirá intelectuais de diversas disciplinas que  se achegarán ás escuras augas da política. 

semanafilosofia
photo_camera Semana Galega de Filosofía [Aula Castelao]

Participarán, entre outros, personaxes coñecidos da política como Antonio Baños (CUP), Ricardo García Zaldívar (ATTAC España) ou Laura Mintegi (Bildu), ademais de académicos como María Xosé Agra, Francisco Sampedro, Alberto Cruz, Ángeles Díez, Rubén Lois, Aleixo Vilas, Helena Miguélez, Xoán Doldán, Concha Roldán, J.M. Bermudo ou Juán García Morán. 

A XXXIII Semana de Filosofía, organizada pola Aula Castelao, revisará conceptos e institucións da globalización, as grandes corporacións supranacionais e tratados transnacionais coma a proposta de libre comercio entre Estados Unidos e Europa (TTIP), que serán estudados á luz dos plantexamentos actuais, baixo a mirada multidisciplinar de filósofos, politólogos, economistas e xornalistas entre outros. 

Segundo Mercedes Moreno, coordinadora xeral da Semana, “os acontecementos dos últimos anos, tanto no noso país, como en Europa, e incluso alén das fronteiras europeas, invitan a revisar os conceptos fundamentais da política desde unha perspectiva independente e multidisciplinar”. Esta tarefa é a que abordará a nova edición de reflexión filosófica na que se revisarán “conceptos proceden do mundo antigo, de Grecia, que cumpriron xa hai tempo os dous mil anos: política, democracia, liberdade, cidadanía”. Tamén serán analizados outros coma “separación de poderes, representatividade, parlamentarismo, ou partidos políticos” que “procedentes do estado burgués pasan dos douscentos anos”.

Na actualidade a “falta de independencia dos estados fronte a outros poderes maiores” (políticos e económicos) xunto coa a escasa participación dos individuos nestas estruturas e decisións, orienta unha reflexión  sobre “que é a esquerda e cal é a súa situación actual no exercicio da democracia, o  poder e a soberanía”.

Con esta perspectiva ollaranse os espazos xeopolíticos que se abren trala caída do bloque soviético, poñendo a hexemonía mundial norteamericana en confrontación co bloque eurasiático.

Nesta liña global inscríbense os tres bloques habituais da programación da Semana Galega de Filosofía que presentan este ano: unha reflexión filosófica sobre a política; a política vista desde Galiza; e a política a debate. 

Comentarios