Antonio Yáñez Casal, gañador do XX Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

Antonio Yáñez Casal.
Azul cobalto, que vai dirixida a un público xuvenil, enxalza o poder dos soños como memoria.

Antonio Yáñez Casal, baixo o pseudónimo Maceteum, resultou gañador do XX Premio Pura e Dora Vázquez de Narración coa obra Azul cobalto. Yáñez Casal xa gañara este certame a súa XIV edición, no ano 2016, coa obra Do meu nome e outras traballadas. O Premio Pura e Dora Vázquez de literatura está dotado con 3.000 euros, recuperándose así o importe inicial deste certame.

O xurado destaca de Azul cobalto que vai dirixida a un público xuvenil, "sendo unha obra moi orixinal cunha temática rompedora. Que  é doada de ler e engancha moito. Ten unha linguaxe e un estilo moi coidados. Destaca valores como o traballo en equipo e a perseveranza. Enxalza o poder dos soños como memoria e destaca a importancia da lectura para poder entender as cousas".

O xurado, que sinala a calidade de todas as obras presentadas, estivo composto por un representante de cada un dos grupos políticos da Deputación de Ourense: David Canda Castro representando ao grupo PP; David Manuel Alvarado Roales representando ao grupo PSOE;  Xosé Antón Dorrío Vázquez representando ao grupo DO, e Isabel Mociño González representando ao grupo BNG, actuando como presidente César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación provincial e como secretaria Ana  M.ª Malingre Rodríguez, xefa de sección de Arquivo e Publicacións da Deputación de Ourense.

Yáñez Casal naceu en Ferrol en 1959. Ten publicadas, entre outras, as obras Don Cosme e o telegrama amarelo (Casals, 2004), finalista do Premio Raíña Lupa 2000; Crisóstomo o alifáfaro (Galaxia, 2006), finalista do Premio Raíña Lupa 2004; Natasha e Dimitri (Xerais, 2006), finalista do Premio Merlín 2005; Lóbez (Baía edicións, 2006), Premio Meiga Moira 2006; Viaxe a Libunca (Galaxia, 2007), Premio Raíña Lupa 2006; Octavius Augustus (Difusora de letras, artes e ideas, 2009), Premio Abrente 2007; Vento Galerno (Xerais, 2012), finalista do Premio Fundación Caixa Galicia 2011; O detective de Nullarbor (XermeSM, 2015), Premio O Barco de Vapor 2013; Do meu nome e outras trapalladas (Deputación de Ourense, 2017), Premio Pura e Dora Vázquez de Narración 2016; Icía e o diplodoco caguiñas (Tambre, 2018).