Arrinca o 37º Festival Noroeste co debut das artes escénicas

Avelino González.
Un espectáculo de Avelino González abriu o festival.

A Coruña comezou a celebrar a 37ª edición do Festival Noroeste, que conta cun programa que abarca tanto a música como as artes escénicas.

Nesta edición, o festival dá un paso adiante ao incorporar as artes escénicas mediante dúas liñas de programación: Noroestiño e Contos ao Noroeste. Estas disciplinas foron as protagonistas da primeira xornada do evento, coas actuacións de Vero Rilo, Luís Iglesias e Avelino González nos Xardíns de Méndez Núñez e na praza de Vigo.

Vero Rilo e Luis Iglesias ofreceron eta segunda feira, 5 de agosto, unha sesión de narración oral e musical para todos os públicos, presentando contos da tradición oral acompañados de música en directo. Pola súa parte, Avelino González brindou un espectáculo humorístico que mesturou historias de amor tradicionais e contemporáneas con narración oral, teatro e elementos audiovisuais.

A programación escénica será novamente a protagonista do segundo día do festival. Así, esta terza, 6 de agosto, Roi da Costa e Cé Orquestra Pantasma daranse cita ás 19 horas na praza do Humor e nos Xardíns de Méndez Núñez, respectivamente.

Até o domingo 11 de agosto, a programación escénica do festival continuará con actuacións de Bea Campos, Pakolas, Pepo Suevos, Paco Nogueiras, Atenea García, Os Monifates, Leti da Taberna, Celso Sanmartín, Fran Amil e Magín Blanco e a Banda das Apertas.

A partir de mañá comezarán as actuacións musicais coa presenza de, entre outros, Hormigonera, Travis Birds, Leticia Rey Quintet, Patax, Tiburona, Lura, Zënzar, Salif Keita, Meu, Terrae ou Marta High.