O xornalismo e a literatura de María Xosé Porteiro centran o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
O mundo das feiras tradicionais e o auxe do videoxogo na Galiza tamén no semanario.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é María Xosé Porteiro realizada nunha entrevista realizada por Montse González.

González salienta antes de iniciar a conversa con Porteiro que “Di María Xosé Porteiro que a loita pola liberdade e polos Dereitos Humanos situáronse sempre no centro das súas obsesións. A partir de aí, a preocupación pola igualdade de xénero ou polos pobos que resisten o dominio cultural non é máis que unha consecuencia puramente lóxica”.

Tempo de feirear

Inicia este número do Sermos unha reportaxe a cargo de Antón Escuredo que analiza a as feiras tradicionais na Galiza.

“As feiras tradicionais formaron parte fundamental da paisaxe social e económica do país durante séculos. Quedaron retratadas en branco e negro e chegaron até finais do século XX con poucos cambios”, indícase na reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, o escritor Lois Diéguez, ofrece unha reflexión titulada ‘Herminia’.

Videoxogos

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Ricardo Suárez e titúlase ‘O auxe do videoxogo’.

Suárez explica que “Cada vez máis persoas mostran interese polos videoxogos, tanto a nivel global como na Galiza. Neste contexto, ámbitos como o coleccionismo, a comunicación, a tradución, a formación, o asociacionismo, a organización de eventos ou mesmo o desenvolvemento dos propios videoxogos son actividades que cada vez están máis en auxe no país”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches Arins analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Belém Tajes analiza o disco Mãe de Quico Comesaña. Pola súa parte, César Morán escribe un artigo titulado ’Per Sant Joan’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla un filme de Indiana Jones. “As aventuras do arqueólogo máis famoso do cinema caracterízanse por se enfrontar (case) sempre aos nazis”, indica Castro.

O Colectivo Xea ofrécenos un roteiro pola Serra do Suído mentres que Manuel Xestoso analiza na sección de Escena a obra ‘O último verán en Santa Cristina’.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!