A Banda da Loba despídese temporalmente dos escenarios

A Banda da Loba esta quinta feira en Santiago de Compostela (Foto: Pixelin Photo).
Remataron a súa xira nun Teatro Principal ateigado.

A banda da Loba pechou esta quinta feira, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a súa xira Xabón Lagarta. Foi a despedida dun espectáculo que levou ao directo o seu cuarto traballo discográfico, publicado en abril de 2022. Un traballo e unha posta en escena que baseados no universo vital das lavandeiras e que se detén nos lavadoiros como espazo de reflexión e insubmisión, como lugar onde tecer esa rede de coidados e afectos coa que enfrontar o día a día, onde poder expresar as preocupacións e os desexos máis prohibidos, rebelándose contra un sistema que “sabéndonos imprescindibles, nos nega desde a raíz”. 

Organizado polo Concello de Santiago, foi un concerto especial, no que Andrea Porto Mato, Estela Rodríguez Carvalho, Inés Mirás Vieites, Marcela Porto Mato e Xiana Lastra Pernas, as cinco integrantes de A banda da Loba, estiveron acompañadas de amizades que as acompañaron durante esta última xira e tamén durante a vida da formación. Subiron ao escenario Guadi Galego; Olaia Maneiro, de Tanxugueiras; Mon e Ula, de Monoulious DOP; Nastasia Zürcher; María Soa, de Fillas de Cassandra; Margarida Mariño e Gustavo Almeida.

Retiro creativo

Segundo anunciaron, con este concerto de fin de xira, para o que todas as entradas estaban vendidas con días de antelación, a banda deixará temporalmente os escenarios para mergullarse en exclusiva, durante o ano 2024, no proceso creativo do seu próximo disco. 

"Non desapareceremos do virtual pero si dos palcos, polo que quixemos estar ben arroupadas este día por varios amigos e amigas que nos acompañaron durante esta última xira e durante a vida da banda", publicou o grupo nas súas redes sociais.

A Banda da Loba vén de percorrer, ao longo dos últimos sete anos, todos os recunchos da xeografía galega e algunhas cidades do Estado, acadando unha recepción máis que positiva das súas músicas, nas que as mensaxes máis comprometidas se visten de ritmos diversos.