Gañadora de cinco Grammy Latino

A canción mestiza de Lila Downs, o sábado en Ferrol

A cantante mexicana Lila Downs. Foto: cedida.

A cantante e compositora mexicana Lila Downs presentará o seu último traballo Salón, lágrimas y deseo no Auditorio de Ferrol a partir das 21 horas, dentro do Festival Son[s], o sábado 25 de novembro. O álbum, premiado nos últimos Premios Grammy Latino, revístese de activismo político e indignación fronte á realidade. A entrada custará de 24 euros na billeteira do centro e de 18/20 euros anticipada.
 

Filla dunha recoñecida cantante mixteca e dun profesor de cinematografía nado en Minnesota pero de orixe británica, a personalidade e obra de Lila Downs ven marcada pola súa infancia bicultural. Estudou música en Oaxaca e antropoloxía en Minnesota, herdando a tradición musical da súa nai, indíxena mixteca, e aprendedo do seu pai a influencia de clásicos como Bob Dylan ou John Coltrane. Eis as fontes do estilo ecléctico da mexicana, que parte do folclore e vai engadindo pezas do jazz, do son cubano, do hip hop ou do rock.

 

Salón, lágrimas y deseo responde ás turbulencias do mundo: a corrupción no seu México natal, os cambios políticos en Estados Unidos, a sociedade heteropatriarcal. A obra aliméntase dun sentir de rexeitamento pero tamén de compromiso, feminismo e reivindicación. A busca da verdade, a defensa da terra e a indignación tinguen unha colección de boleros tradicionais nos que participan artistas como Diego el Cigala, Andrés Calamaro, Carla Morrison, Mon Laferte e a agrupación oaxaqueña Banda Tierra Mojada.

 

Coñecida tamén pola súa estética, Lila Downs caracterízase polos seus vestidos de india mixteca, que mestura coa iconografía e o universo colorista de Frida Kahlo. Comparada con Chavela Vargas, comparte coa dama del poncho rojo a defensa e reivindicación das raíces mexicanas e da música rexional de Oaxaca e dos pobos indíxenas.

 

A artista oaxaqueña canta en español e inglés, pero tamén en diversas linguas nativas mexicanas, como o mixteco, zapoteco, maia, purépecha e náhuatl. Lila Downs gravou nove discos de estudio, obtendo un Grammy na categoría rexional mexicana co disco Pecados y Milagros (2012) e catro Grammy Latino polos traballos Una Sangre (2004), Raíz (2014), Balas y chocolate (2015) e Salón, lagrimas y sangre (2017).