MÁIS

Cando conciliar é unha realidade

Entre as actividades máis destacadas atópanse as saídas e as que impulsan a creatividade. (Foto: Nós Diario)
Nos períodos de vacacións, as familias atravesan dificultades para cadrar coidados e traballo, máis se cabe as familias con crianzas con diversidade funcional. Os campamentos convértense en elementos clave para a conciliación, sempre tendo en conta o divertimento e os gustos da cativada.

O verán é época de lecer mais non para todas e todos na mesma proporción. Co fin das clases e a continuación das xornadas laborais, as familias vense na obriga de planificar que facer coas crianzas. Algo que comeza con meses de antelación ao valorar a inscrición da cativada nos campamentos estivais. 

Esta elección, por tempo ou falta de coñecemento das opcións, pode resultar un crebacabezas para calquera, polo que cómpre saber en que consisten estes espazos lúdicos para dar cunha decisión o máis rápida, satisfactoria e eficiente posíbel.

Cando e onde buscar

O primeiro a ter en conta é saber que a maioría de campamentos son impulsados polos concellos e outras institucións públicas da man de asociacións socioculturais e incluso de Anpas, que sitúan, xeralmente, nos meses de marzo e abril o prazo de inscrición nas actividades, para permitir ás familias planificar as vacacións.

Ademais dos campamentos de conciliación como tal, hai algúns de actividades específicas de tipo deportivo como por exemplo o de Surf en Oleiros (ofrecido polo concello de Santiago de Compostela) ou, incluso, o de idiomas como o English Urban Camp de Barbadás (comarca de Ourense). 

Con todo, os máis transversais e demandados son os de conciliación. Neste aspecto, é destacábel o que se desenvolve este verán no concello de Soutomaior (comarca de Vigo) e que, tal e como sinala a concelleira do ramo, Rosana Boullosa, "está enfocado a crianzas de entre 3 e 14 anos cun horario de 8 a 15 horas". O concello tamén organizou de actividades destinadas á mocidade en xullo. 

Nais e pais poden facer uso destes recursos e cumprir con todas as súas responsabilidades sen que iso repercuta na diversión das crianzas

A directora de Formación e Xestión Sociocultural Anias, asociación encargada do campamento, Ana Carballal, explica a Nós Diario en que consiste Concilia Soutomaior. O campamento, realizado en agosto, aposta por exercicios que estimulen a creatividade, xa sexa arredor de áreas temáticas nas distintas quincenas do campamento como pode ser Vinte leguas de diversión, inspirado nos relatos de Julio Verne, ou outro tipo de exercicios como saídas á contorna, obradoiros de cociña ou actividades musicais, nas que sempre "o eixo principal é o xogo como compoñente lúdico". 

A inclusión como chave en Soutomaior

Mais, se hai algo que destaca neste campamento é a atención á diversidade, coa introdución este ano de persoal de apoio específico para as crianzas que, por cuestións diversas, non vían os campamentos como unha opción. Así, os campamentos organizados polo Concello de Soutomaior atenden crianzas con diversidade funcional, cuxas familias teñen un conciliación complicada, pois a meirande parte dos campamentos aínda a día de hoxe non conta con monitoras e monitores que atendan crianzas con TEA ou que presenten outras necesidades. Como sinala Carballal, "este tipo de monitores convertéronse nunha figura fundamental" que permite un enfoque moito máis inclusivo e facilitador do ocio das nenas e dos nenos. 

"Con actividades individualizadas para eles" ou coa adaptación dos xogos colectivos a todo o grupo, a través do traballo destas figuras, as crianzas "aprenden a convivir e colaborar", mesmo buscando eles mesmos a incorporación ao xogo de todas e todos os participantes.

A riqueza interxeracional 

Outro campamento salientábel é o da Aldea do Couto de Ponteceso (Bergantiños), que atende a inclusión mais desde outra perspectiva. Así, trata de crear un espazo interxeracional no se desenvolvan as pequenas e pequenos en conexión co rural e cos seus habitantes. Isto é posíbel coa introdución de 11 monitores voluntarios sénior que acompañan e coidan dos pequenos xunto aos 32 monitores de tempo libre cos que conta a colonia, xestionada entre o concello e a Fundación Eduardo Pondal. Con isto, desde Ponteceso buscan transmitir a cultura e o idioma galego ás xeracións máis novas, nas cales se produce unha ruptura da transmisión lingüística, desde o xogo e a experimentación e dentro dun espazo natural e idílico como a aldea do Couto, dentro da unidade paisaxística do Estuario do río Anllóns. 

Todas estas propostas naceron ao abeiro dos cambios sociais nas familias, que fixeron de campamentos e ludotecas unha demanda cada vez máis habitual pola necesidade de conciliar. Así nolo indica Ana Carballal cuxa asociación atesoura 25 anos de experiencia. Neste sentido, o modo de ver os campamentos cambiou notabelmente pois pasaron de ser nun inicio provedores de ocio e experiencias diferentes á cativada. Antes eran "campamentos urbanos e principalmente dedicados á pernocta ou lecer". Deste modo, as crianzas eran levadas a este tipo de actividades co fin de xuntarse con outras rapazas e rapaces e ter a posibilidade de poder pasar noites fóra da casa ou pasar estadías de curta duración. Este tipo de colonias destinábanse a idades comprendidas entre os 7 e os 13 anos, xa que se consideraba que as crianzas contaban con certa autonomía e, por tanto, só precisaban de certa supervisión nas abundantes actividades ao aire libre que se realizaban. 

Malia todo, os campamentos evolucionaron coa demanda das familias, que precisaban dun servizo que atendese e favorecese a conciliación, con lugares onde puidesen atender as crianzas, e ofrecerlles divertimento, durante a súa xornada laboral. Por este motivo, ampliouse a idade de acceso aos tres anos para cubrir as peticións de máis familias. En consecuencia, tamén "deixaron de ser urbanos" e de priorizar xogos exteriores "para desprazarase a ludotecas situadas, normalmente, en centro escolares ou, incluso, bibliotecas", pola menor idade do público destas colonias. 

Por último, por necesidade, o horario dos campamentos tamén variou, "pasando de 9 a 14 horas a incluso de 8 a 15 horas" e con duración variábel, normalmente por quincenas e até o mes. Mesmo hai campamentos que complementan o servizo co comedor. 

En definitiva, todo cambiou para que as nais e os pais poidan facer uso destes recursos e cumprir con todas as súas responsabilidades sen que iso repercuta na diversión e ocio que se lles poida dar as infancias. Os campamentos permiten a conciliación, mais cómpre ir alén para facer da utopía realidade todo o ano.